Curso de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios en Mazaricos

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios dirixido a profesionais do sector agrario ou persoas interesadas en incorporarse a el. Impartido pola Oficina Agraria Comarcal de Santa Comba, o curso terá lugar na Casa da Cultura do concello coruñés de Mazaricos entre os luns 10 e 17 deste mes de agosto.

A acción, que está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, contará cunha duración de 27 horas. Trataranse temáticas como as pragas e as enfermidades que afectan aos cultivos, a preparación e a aplicación dos distintos tratamentos fitosanitarios, así como a súa clasificación e etiquetado, incluíndo referencias aos pictogramas e indicacións das súas embalaxes.