Crece a sede de ABS Global en Wisconsin

A compañía aumenta o aloxamento de touros na súa sede de Dekorra, Wisconsin (EE.UU.), e establece un novo centro en Leeds, localidade do mesmo estado, para darlles cabida aos touros adicionais necesarios.

A ampliación de Dekorra durante este verán significa engadir 60 boxes máis ao establo actual e a construción doutro edificio de 120. Para iso, ampliarase a capacidade de 240 a 420 prazas. Outros proxectos en Dekorra inclúen a ampliación de salas de alimentación e a construción dunha área de lavado. "Esta expansión representa un investimento de 19,1 millóns de dólares por parte de ABS Global e Genus plc, a nosa empresa matriz, para beneficiar realmente os nosos clientes", confirma Nate Zwald, COO de ABS Global-Dairy. "Para cando rematemos en 2021, a expansión total incluirá catro naves novas ou modificadas para albergar 420 touros." 

"Necesitamos máis espazo para a produción e asegurarnos de que a estrutura é adecuada para os sementais xenómicos máis novos que a industria está a demandar hoxe en día", subliña Jim Meronek, director de Saúde Global e da Cadea de Subministracións de ABS Global. "A expansión deste verán en Dekorra axudaranos a satisfacer a demanda actual, mentres que o edificio proxectado en Leeds impulsaranos cara ao crecemento futuro".

A produción intensificouse a medida que aumentou  a demanda global e todo iso require, en última instancia, unha maior capacidade de recolección. Tanto é así que ABS está a procesar agora un 21 % máis de seme que hai apenas dous anos.

A construción en Leeds comezará este outono cun taller de mantemento e unha área de lavado. Dous establos con 120 boxes cada un, un laboratorio, un almacén para mercadorías e unha residencia serán construídos para xullo de 2021. As oficinas centrais permanecerán en DeForest, Wisconsin.