Coristanco acolle o IV Foro Empresarial Lácteo para analizar a viabilidade e eficiencia das granxas e a sostibilidade do rural

Coristanco acolle o IV Foro Empresarial Lácteo para analizar a viabilidade e eficiencia das granxas e a sostibilidade do rural

Coristanco (A Coruña) será sede do IV Foro Empresarial Lácteo, que leva por título “Viabilidade e eficiencia na produción de leite e sostibilidade territorial”, un encontro profesional, organizado polo Centro de Formación Profesional EFA Fonteboa, que se desenvolverá en tres xornadas —21 e 28 de xaneiro e 4 de febreiro de 2026— no Edificio Municipal de Usos Múltiples. O programa aborda, de forma práctica, tres grandes temas: a análise interna da empresa, a influencia dos factores externos na toma de decisións e as oportunidades para reforzar a sostibilidade rural.

A primeira sesión (martes, 21 de xaneiro) centrarase no “Análise interno da empresa”. O foro arrancará ás 10:30 h coa presentación a cargo de Juan Carlos García Pose, alcalde de Coristanco, e Jesús Combarro Pereira, director de Abanca Agro. A continuación, José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, ofrecerá unha ponencia sobre o papel do sector lácteo como vertebrador do rural galego. A inauguración oficial do encontro terá lugar ás 12:00 h coa intervención de María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural.

Ás 12:30 h, a xornada entra no seu bloque máis práctico cunha análise interna de granxa (xestión económica e ambiental, estratexia, obxectivos e protocolos de traballo) con presentación de caso, traballo en grupo e conclusións, guiada por Juan Manuel Fiz Benito, veterinario e empresario gandeiro. A mañá completarase coa situación financeira das granxas de leite de Galicia (14:00 h), a cargo do propio Jesús Combarro Pereira. Tras o xantar (14:30 h), a tarde culminará cun coloquio sobre a PAC no novo marco financeiro plurianual da Comisión Europea (15:30 h), con Juan José Cerviño, director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria.

O segundo encontro (mércores, 28 de xaneiro) porá o foco na “Análise dos factores externos para a toma de decisións”. Ás 11:00 h, José Luis Antuña Álvarez, conselleiro de Quescrem, abordará a situación, a evolución e as tendencias dos mercados, tamén con caso práctico e traballo de grupo. Ás 13:30 h, Miguel Ángel Ariño (IESE) tratará a toma de decisións nas empresas. Pola tarde, tras o xantar, o coloquio das 15:30 h xirará en torno á viabilidade das plantas de biogás nas granxas galegas, con Leticia Regueiro Abelleira (CIO de Medrar Smart Solutions) e Cesar Resch Zafra, investigador do CIAM.

A terceira e última xornada (mércores, 4 de febreiro) estará dedicada a “Oportunidades para a sostibilidade rural”. Ás 11:00 h, Xoán Ramón Alvite, xornalista de La Voz de Galicia, analizará o papel das granxas como motor económico e social do rural, novamente con dinámica de caso e conclusións. Ás 13:30 h, Roberto García González, secretario xeral de UUAA, presentará o programa de rehabilitación de vivendas no rural. O foro pechará con conclusións (15:30 h) e clausura (16:00 h) a cargo de José González Vázquez, conselleiro de Emprego, Emigración e Comercio.

Con este enfoque por bloques —interno, externo e de oportunidades—, o IV Foro busca ofrecer un espazo de análise e debate para profesionais do sector, combinando ponencias técnicas, traballo colaborativo e coloquios sobre retos clave para o sector.