O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a orden da Consellería do Medio Rural pola que se convoca a terceira edición dos premios Exceleite á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia.
Estes galardóns distinguen ás granxas en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo) e recoñecen, por outra banda, ás mellores explotacións en ecolóxico.
Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). Así mesmo, deberán estar dadas de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
Os resultados que faciliten as análises do Ligal permitirán facer unha primeira selección das explotacións que poden optar a estes premios. A continuación remitiráselles aos seleccionados unha carta para que autoricen a súa participación como finalistas, tralo cal comezarán as visitas de campo ás granxas para corroborar que as características da explotación son as axeitadas e seleccionar ás gañadoras.