Convocada a cuarta edición de becas para estudos de posgrao da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas

Un ano máis, a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acaba de facer pública unha nova edición das bolsas para estudos de posgrao. En concreto, convócanse dúas bolsas cun límite máximo de dotación de 40.000 euros cada unha para a realización dun máster ou unha tese de doutoramento nunha universidade de recoñecido prestixio nacional ou estranxeira. A contía da bolsa poderá usarse para cubrir gastos de matrícula e aloxamento. O prazo de solicitude estará aberto ata o 31 de maio.

Do mesmo xeito que en convocatorias anteriores, para poder optar a algunha das bolsas os solicitantes deberán ter un título universitario, ademais de ter vinculación con Galicia, podendo ser estudantes que se acaban de graduar ou profesionais que xa estean a traballar na actualidade. A selección dos bolseiros basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior prevista.

A fundación, creada en outubro de 2021, ten como obxectivo contribuír a promover a investigación e a educación no sector agroalimentario e forestal, con especial atención nos estudos superiores.