Mañá, sábado 31 de xaneiro, Friol acollerá a primeira poxa de gando frisón do ano na provincia de Lugo, unha cita organizada por Africor Lugo.
O evento celebrarase no mercado gandeiro de Friol dende as 12:00 horas e reunirá a gandeiros, compradores e profesionais interesados en adquirir animais de alta calidade xenética e coas máximas garantías sanitarias.
A organización publicou o catálogo completo de animais que se ofrecerán mañá na poxa, composto por un total de 17 exemplares, 11 vacas paridas e 6 xovencas próximas ao parto, todos con controis sanitarios, probas de paternidade e, en moitos casos, probas xenómicas que permiten avaliar o seu potencial nas ganderías.
A subasta preséntase como unha excelente oportunidade tanto para quen desexa vender animais nas mellores condicións de presentación e visibilidade como para quen busca reforzar a súa cabana con exemplares de frisón seleccionados. Grazas á experiencia de Africor Lugo e á colaboración do Concello de Friol, o evento garante unha xestión profesional en todos os aspectos: desde as probas sanitarias ata a exposición dos animais.