Constituída a Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia

Constituída a Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia deu o seu primeiro paso coa sinatura da acta de constitución en Lugo este pasado martes 9 de xullo. Unha vez recoñecida como Organización de Produtores de Leite, será a primeira OPL específica de leite ecolóxico en España.

Trátase dunha asociación de nivel autonómico que será unha ferramenta para que os seus socios e o conxunto do sector mellore dunha maneira integral.

O sector do leite ecolóxico, que en Galicia supón o 33 % da facturación da produción ecolóxica total, con preto de 80 millóns de euros no 2018, representa un peso importante ante o resto da península, pois as explotacións de vacún de leite galegas constitúen o 54 % das explotacións de España. Por isto é lóxico e importante que a OPL sexa galega.

Destacan os compoñentes desta Asociación que a mesma é apolítica, que a compoñen gandeiros do sector con máis de 10 anos de experiencia en produción ecolóxica e que apostará polo diálogo, por unha negociación construtiva coa industria e a Administración e porque as condicións das explotacións melloren con base nunha maior profesionalización e nunha redución dos custos de produción, maximizando a calidade do leite.

Esta Asociación está aberta á entrada de novos gandeiros que se poderán ir sumando nos vindeiros días aos actuais socios, que representan unha produción de máis de 10 mil toneladas de leite.

Os gandeiros interesados en asociarse poden contactar coa Asociación a través dos seguintes contactos: Amando Segundo Romero Sanjurjo (620 80 29 70) e Víctor Fernández Caseiro (663 83 63 00), presidente e vicepresidente da mesma, respectivamente.