O LEITE

Como pode o leite facernos máis fortes fronte á covid-19?

Os beneficios que implica o consumo de lácteos para diversos aspectos da nosa saúde están dabondo documentados dende hai anos. No entanto, o novo contexto sociosanitario que nos expuxo a pandemia pola covid-19 abriu unha nova vía para afondar en como este alimento reforza o noso sistema inmune para facer fronte ao virus que recollemos en Vaca Pinta 28.

A pandemia por covid-19, que causa infeccións graves do tracto respiratorio nos seres humanos, converteuse nun problema de saúde mundial que se propagou rapidamente. Na actualidade, o hándicap máis importante asociado coa covid-19 son o sistema inmunolóxico e os factores que o afectan.

LEITE CONTRA A COVID

O leite de vaca contén moitos compostos bioactivos que inclúen vitaminas, minerais, aminas bioxénicas, nucleótidos, oligosacáridos, ácidos orgánicos e inmunoglobulinas, polo que permite que os seres humanos poidan satisfacer unha parte significativa das súas necesidades de vitaminas e minerais a través do seu consumo. Ademais, é ben sabido que é moi rica en micronutrientes que fortalecen o sistema inmunolóxico e, seguindo esta premisa, un grupo de investigadores publicou recentemente na revista científica Springer Nature o traballo “Beneficial effects of vitamins, minerals, and bioactive peptides on strengthening the immune system against covid-19 and the role of cow’s milk in the supply of these nutrients” (Rezaei Ahvanooei, M.R.; Norouzian, M. A.; Vahmani, P., 2021).

Esta revisión ten como obxectivo discutir os efectos de vitaminas, minerais e péptidos bioactivos –compoñentes que contén o leite– na saúde xeral en humanos para combater as enfermidades virais, especialmente a covid-19, e ditaminar en que medida o consumo de leite de vaca desempeña un papel na subministración destes nutrientes.

A investigación mostra que a administración destes minerais é moi efectiva na loita contra a covid-19 e que unha deficiencia en calquera deles pode ser unha debilidade ante este virus. Doutra banda, apunta cara á accesibilidade do leite de vaca para toda a poboación e cara aos beneficios de beber calostro, leite cru e microfiltrado de vacas vacinadas contra o SARS-CoV-2, posto que pode proporcionar protección contra esta infección.

CONCLUSIÓNS DA REVISIÓN

Apuntan os expertos neste traballo que os micronutrientes como as vitaminas D, E, B, C e A, así como os minerais zinc, cobre, magnesio, iodo e selenio e diferentes péptidos bioactivos poden ter efectos positivos e significativos no fortalecemento do sistema inmunolóxico e a saúde xeral nos seres humanos. Hai que ter en conta, no entanto, que, dos nutrientes mencionados, as vitaminas B3, B6, B9, E e C, así como o cobre, cobren unha porcentaxe moi pequena das necesidades humanas a través do consumo de leite de vaca. Con todo, o resto dos nutrientes que proporciona achegan unha porcentaxe alta e significativa destas necesidades.

Así pois, dando unha mirada integral a todos os compoñentes do leite e considerándoo como un complexo, estiman que consumir 350 mililitros de leite por persoa ao día pode ter efectos significativos no fortalecemento do sistema inmunolóxico, o que implica unha maior resistencia ante enfermidades virais, como é o caso da covid-19.