CLUN, premio Cooperativa do Ano de Cooperativas Agro-Alimentarias de España

CLUN, premio Cooperativa do Ano de Cooperativas Agro-Alimentarias de España

O presidente de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas), José Ángel Blanco, acompañado polo director xeral da cooperativa, José Luís Antuña, e o presidente de Feiraco, José Montes, recolleu hoxe en Madrid o Premio Cooperativa do Ano concedido por Cooperativas Agro-alimentarias de España.

A entidade recoñece a CLUN como unha das apostas de integración cooperativa máis importantes dos últimos anos ao converterse en referente no sector agrogandeiro galego e comprometerse coa responsabilidade social, a innovación, a calidade e o seu modelo de xestión orientado a unha sustentabilidade económica, social e ambiental no que as persoas son o primeiro.

José Ángel Blanco agradeceu a Cooperativas Agro-alimentarias esta distinción porque supón “un novo estímulo para seguir ofrecendo servizos de calidade aos máis de 3.500 socios dunha trintena de municipios galegos cos que conta actualmente CLUN e a proba de que o cooperativismo é o camiño correcto para asegurar a competitividade do sector nos mercados globais con dimensión, eficiencia, calidade e innovación e garantir, así mesmo, que o beneficio reverta nos gandeiros de forma directa”.