CLUN celebra o Día Internacional das Mulleres Rurais

Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) conmemorou hoxe o Día Internacional das Mulleres Rurais coa celebración dun encontro do grupo ‘Mulleres de Seu’. Baixo a lema “O futuro é de todas”, a xornada reuniu na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela a máis de setenta socias de CLUN para xerar un espazo de reflexión sobre a posición das mulleres no rural galego.

O Encontro quixo reivindicar o papel clave da muller no rural de Galicia desde unha perspectiva histórica, social e económica. Este foi o tema da mesa redonda que vertebrou o programa do evento, moderada pola decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Emilia Vázquez. Neste debate participaron tamén Mª Pilar Freire Esparís, profesora de Historia Económica da USC, especialista en historia da familia, demografía histórica, movementos migratorios, mundo rural e estudos de xénero; e a empresaria Silvia Chaves.

Pola súa banda, a coordinadora do Grupo ‘Mulleres de Seu’, Carmen Rodríguez, sinalou que o obxectivo de ‘Mulleres de Seu’ é “crecer e fortalecernos”, para o que se deseñou un amplo programa de accións até o 2020, que afondan nas liñas que vén desenvolvendo o Grupo e incorpora outras novas.