A Cooperativa Central de Frades, en colaboración coas ADSG de gando vacún de Frades, Mesía e Boimorto, organiza este xoves, 12 de febreiro, unha xornada formativa gratuíta dirixida a gandeiros e gandeiras, persoal técnico e profesionais do sector. A actividade celebrarase na Finca Restaurante O'Cadaval (Frades, A Coruña) e comezará ás 10:30 horas coa recepción das persoas asistentes e un café de benvida.
O encontro ten como obxectivo ofrecer unha visión práctica e actualizada sobre algúns dos principais desafíos aos que se enfrontan actualmente as granxas, combinando contidos técnicos, normativos e de xestión empresarial.
O programa arrancará sobre as 11:00 horas coa intervención do veterinario Antonio Souto, do servizo técnico de Rumiantes de Hipra, quen abordará a xestión do persoal nas ganderías. A continuación, o enxeñeiro agrónomo Manuel Crespo, director de especialidades do Grupo Soaga, tratará a nutrición vexetal, facendo fincapé na normativa de fertilización vixente e nas tecnoloxías que marcarán o futuro do sector.
Posteriormente, o profesor e investigador da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid, Alberto Díez, analizará as enfermidades emerxentes e a importancia da bioseguridade.
Tras a comida, a xornada pecharase cunha sesión dedicada ao deseño de instalacións gandeiras. Alberto Jurado, responsable de instalacións gandeiras do Grupo Covap, exporá as claves para mellorar a funcionalidade, o benestar animal e a eficiencia produtiva das granxas.
A participación é gratuíta, aínda que require inscrición previa. As persoas interesadas poden apuntarse a través do seu veterinario ou veterinaria da ADSG ou contactando coa cooperativa no teléfono 981 69 21 05.