A Confederación Nacional de Frisona Española (Conafe) organiza o 45.º Concurso Nacional da Raza Frisona, que terá lugar a última fin de semana de setembro no recinto feiral Luis Adaro de Xixón (Asturias). Como é habitual, o certame celebrarase durante a Feira Monográfica do Campo e as Industrias Agrícolas, Gandeiras, Forestais e Pesqueiras de Asturias (Agropec).
Nesta edición inscribíronse 297 animais procedentes de 64 ganderías. O concurso terá, por tanto, representación de granxas de sete comunidades autónomas: Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, Navarra e País Vasco. Entre os exemplares inscritos atópase Llinde Ariel Jordan, de SAT Ceceño (Cantabria), vaca gran campiona nacional das últimas cinco edicións.
Como novidade, este ano haberá dous xuíces de Conafe en pista: o galego Santiago García Souto, como xuíz do Nacional 2025, e o asturiano Javier Freije Freije, que o acompañará como xuíz adxunto.
Durante a mañá do sábado 27, a partir das 10:00 horas, sairán a pista as xatas e xovencas participantes. En horario de tarde, ás 15:00 horas, chegará a quenda das vacas e, ademais, renderase unha homenaxe a Aladino Pidal, en recoñecemento ao seu traballo e colaboración no desenvolvemento de concursos morfolóxicos e en diversas actividades do sector. Este ano tamén se manterá a sección de recoñecemento fóra de concurso, na que se exhibirán en pista animais de ganderías españolas que se caracterizan polas súas cualidades morfolóxicas e produtivas.
O domingo día 28 celebrarase o XXIV Campionato Nacional de Manexadores, no que os máis novos se dividirán en diferentes categorías: infantil, júnior e sénior.