Casa de Vázquez inaugura o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria en Láncara

Casa de Vázquez inaugura o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria en Láncara

A gandería Casa de Vázquez, de Trasliste (Láncara), abriu esta mañá as portas ao público do seu Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria, Muvicla.

O acto tivo lugar nas instalacións do propio museo e interviron Mari Carmen Caldeiro, doutora en Comunicación e Educación e profesora da Facultade de Formación do Profesorado; Marcos Vázquez Marey, promotor do proxecto; María José Enríquez, doutora en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio; Eloy Galván García, exdirector de Same Deutz Fahr Ibérica e exdirector de produtos de John Deere Ibérica; Miguel Viso, enxeñeiro técnico agrícola e senador, e Manuel Lage, doutor en Enxeñería Industrial e extraballador de Pegasus e Barreiros.

A doutora Mari Carmen Caldeiro abriu a rolda de intervencións destacando que o proxecto é “froito de horas de esforzo e dedicación de Marcos Vázquez que, xunto á súa familia, o comezou a deseñar hai máis dunha década”. Lembrou os seus anos de infancia xuntos e subliñou que “dende sempre foi un grande amante do agro galego e da nosa terra”.

Pola súa banda, Marcos Vázquez describiu a iniciativa como “unha humilde achega para ensinar o que foron os nosos antepasados”. Emocionado por poñelo en marcha, describiu todas as áreas dispoñibles, entre as que sinalou “unha parte na que dispoñemos dun tractor de cada década da mecanización agraria e outro espazo, antigo establo, onde coñecer os diferentes aparellos utilizados para o tratamento dos cereais”.

Durante o acto houbo varias actuacións musicais e, finalizadas as intervencións, os asistentes visitaron libremente o museo e foron convidados a un banquete de pé a base de petiscos.

Entre as autoridades presentes estiveron Darío Piñeiro, alcalde de Láncara; Pablo Rivera, deputado da área de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes da Deputación de Lugo; José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e Lara Méndez, alcaldesa de Lugo.

VISITAS AO MUSEO

A partir de hoxe o museo queda dispoñible para as visitas, que se poderán facer calquera día do ano, sempre con concertación previa.

As reservas poderán realizarse a través da páxina web www.muvicla.eu, visible nos vindeiros días, do correo electrónico vazqueztrasliste@hotmail.com ou do teléfono 619 38 90 69.