Asoprovac emite un comunicado en relación ao acordo entre a UE e Mercosur

Asoprovac emite un comunicado en relación ao acordo entre a UE e Mercosur

O pasado 3 de setembro, a Comisión Europea anunciou o inicio do proceso de ratificación do seu acordo con Mercosur tras máis de vinte anos de negociación. Francia, a pesar de ter sido o seu principal opoñente, acabou cedendo. Von der Leyen, presidenta da Comisión, confía en non ter que contar co apoio individual dos estados membros, tal e como afirman desde a Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (Asoprovac). España, pola súa parte, mantén a súa posición ofensiva, empurrando cara á consecución dun acordo.

"Trátase dunha máis das que se nos veñen enriba, pero, neste caso, a indignación está máis que xustificada", afirma Ricard Godia, presidente de Asoprovac. Segundo diversos estudos independentes, a diferenza de custos de produción estímase nun 30 % con este acordo. Esta fenda débese fundamentalmente a uns requisitos de produción en Mercosur moi diferentes dos europeos (hormonas, antibióticos promotores de crecemento...), incluso algúns contemplados no código penal.

A asociación explica que este anuncio chega nun período no que o sector gandeiro en Europa se atopa nunha situación de crise, a cal se manifesta nunha redución do censo de vacas, cun descenso do 5 % nos últimos catro anos e uns datos que non melloran, xa que os primeiros meses do 2025 se saldan cunha caída adicional da produción europea do 5,2 %. No caso de España, a diminución é do 6 % no número de animais sacrificados. Esta redución da cabana xa se reflicte en prezos historicamente altos pola falta de oferta.

Asoprovac alerta de que os políticos non se están a tomar suficientemente en serio a situación do sector. Desde a asociación, afirman que semellaba que o novo Comisario de Agricultura, Christophe Hensen, expuña bos propósitos para frear a deriva, pero o certo é que observaron que a maquinaria lexislativa non frea, mentres que as concesións ao resto do mundo en contra do vacún europeo seguen adiante.

"Este desprezo ao mundo rural acabará tendo as súas consecuencias: non sorprende que a mocidade non queira dedicarse a traballar no campo, que a xente maior saia escopeteada, que España arda e que Europa teña que acudir, cada vez máis, co rabo entre as pernas a mercar carne de vacún a outras zonas do mundo, coas condicións que sexa. Señores, non nos enganemos, o campo español non se baleira, estámolo abandonando e, cando queiramos reaccionar, será moi tarde...", conclúe o presidente de Asoprovac.