O Pazo de Montenegro na cidade de Lugo acolleu esta mañá o acto no que a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron o convenio de colaboración que pon en marcha a edición do ano 2024 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Na cita tamén estivo Francisco José Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo.
Con esta sinatura, Aresa e a USC dan por iniciada unha nova convocatoria do galardón coa que se cumpren 25 edicións dun premio que recoñece cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.
Tras a sinatura protocolaria deste convenio, explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.
A vicepresidente de Aresa adiantou tamén as persoas que formarán parte do xurado desta edición: “Os responsables de avaliar as candidaturas serán o reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ou a persoa na que delegue; o CEO de Torre de Núñez, José Manuel Núñez Torre, e o exreitor e catedrático de Electrónica e Computación, Senén Barro Ameneiro”.
A presentación de candidaturas pode realizarse xa dende hoxe mesmo ata o 10 de xaneiro nos rexistros da USC. As bases do certame están xa dispoñibles na web aresa-agricola.com.