A Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep) pide nun comunicado que remate a devalorización do traballo das persoas produtoras de leite e que se acaben as prácticas reclamo nas cadeas de distribución.
Nunha nota asinada pola dirección da entidade, aseguran que as persoas produtoras de leite de Portugal afrontaron “nos últimos meses un aumento significativo dos custos de produción, en particular no gasóleo, nos fertilizantes e nos pensos. En sentido contrario e comprimindo de forma insostible as marxes, rexistráronse baixadas no prezo do leite pagado ao produtor”.
Afirman que “en xaneiro, o prezo baixou para os produtores de Portugal continental e que, máis recentemente, tamén se produciu unha baixada no prezo pagado aos gandeiros das Azores, que xa operaban con valores extremadamente reducidos”.
Á par, indican que “asistimos ao regreso de promocións agresivas nas que o leite dalgunhas marcas azorianas se utiliza como reclamo a un prezo moi baixo para atraer consumidores e gañar vantaxe en guerras comerciais”.
Desde a asociación lamentan que “regresa unha realidade que marcou negativamente as dúas últimas décadas: a devalorización do leite nas estanterías dos supermercados, que contribuíu a situar o prezo pagado ao produtor portugués entre os máis baixos da Unión Europea”.
“Apelamos ás industrias e ás cadeas de distribución para que adopten unha postura responsable e sostible. Facemos igualmente un chamamento ao Goberno da República e ao Goberno Rexional das Azores para que reforcen a vixilancia destas prácticas, que enganan os consumidores e poñen en cuestión o futuro da produción de leite en Portugal”, engaden.
Lembran que xa en 2021 se colocaron fardos de palla á porta dalgunhas cadeas de distribución e pregúntanse se terán que volver implementar esas mesmas accións.