Alimentación, benestar animal, ambiente e comunicación, temas do Coloquio Nacional do Leite de Portugal

Alimentación, benestar animal, ambiente e comunicación, temas do Coloquio Nacional do Leite de Portugal

A Aprolep, Asociación de Produtores de Leite de Portugal, en colaboración coa AJADP, Asociación de Novos Agricultores do Distrito do Porto, celebrará o día 29 de novembro, entre as 10:00 h e as 18:00 h, no auditorio do Hotel Axis Ofir, en Esposende, o Coloquio Nacional do Leite de Portugal.

Durante a primeira mesa redonda, `Como valorar a herba na produción de leite´, moderada polo xornalista Nuno Marques, da revista Ruminantes, intervirán César Resch Zafra, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, os especialistas portugueses Carlos Neves e Joel Presa, e o agricultor e provedor de servizos José Maia. Entre todos axudarán a afinar estratexias para mellorar a produción, colleita e conservación da herba, fonte proteica capaz de reducir as importacións de proteaxinosas para alimentación animal. 

Na segunda mesa, `Benestar animal e a imaxe da produción de leite´, que será moderada por Carlos Neves, vicepresidente da Aprolep, contarase coa intervención do profesor universitario Joaquim Cerqueira, os veterinarios Isabel Santos e Luís Pinho, e de Cristina Maia, zootécnica e membro do proxecto Leite é vida. O obxectivo é abordar os avances científicos relativos ao benestar das vacas leiteiras, a súa implementación e as preocupacións e percepcións dos consumidores e a sociedade sobre este tema.

Marisa Costa, vicepresidenta da Aprolep, moderará o debate `Crear vacas e producir leite nun ambiente sustentable´, no que intervirán Henrique Trindade e David Fangueiro, investigadores e profesores universitarios, para aclarar como se poderán cultivar os campos e producir leite, creando vacas e reducindo impactos ambientais, as emisións de gases e o uso de fertilizantes químicos.

Da última parte, `O desafío de comunicar agricultura´, encargarase João Villalobos, especialista en comunicación. Os ataques cruzados e sucesivos á agricultura e á gandería, en particular á produción de leite e carne bovina, abren preguntas que tentarán ser respondidas.

Para a asistencia ao evento, a inscrición é obrigatoria e as prazas son limitadas.

Programa