Aira e García Baquero selan unha alianza para producir queixo en Galicia

A cooperativa agrogandeira Aira e o grupo García Baquero asinaron un acordo para producir queixos elaborados en Galicia. Con esta alianza crearase a marca Queixos de Galicia, que reforza a aposta e o compromiso por promover conxuntamente a elaboración, o desenvolvemento, a innovación e a internacionalización dos queixos galegos. Deste xeito, ambas entidades suman esforzos para a produción de queixos en Galicia con leite das granxas socias da cooperativa.

A sinatura realizouse en presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e do director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Por parte de Aira estiveron presentes o seu presidente, José Manuel López, o director xeral, Daniel Ferreiro, e o vicepresidente, Javier Taboada. En representación de García Baquero participou o seu conselleiro delegado, Miguel Ángel García Baquero.

"Con esta iniciativa ambas entidades reafirmamos o noso compromiso co desenvolvemento do sector agroalimentario galego e a creación de valor en toda a cadea de subministración. A través desta colaboración traballamos para consolidar a excelencia dos nosos produtos, posicionando Galicia como referente de queixos de calidade elaborados co sabor e a tradición da nosa comunidade", valora o director xeral de Aira.

Pola súa parte, García Baquero explicou que "esta alianza non só fortalecerá a posición de ambas compañías no mercado, senón que tamén xerará un maior valor para os clientes. Ademais, brindará á nosa empresa a oportunidade de iniciar unha nova etapa de colaboración con Aira, orientada a ofrecer produtos e servizos da máis alta calidade, consolidando a marca do queixo galego e explorando novas tendencias dentro desta categoría".

A conselleira trasladou neste encontro os seus parabéns a Aira e a García Baquero por propiciar unha alianza que fortalece un sector xa estratéxico no rural de Galicia, que se consolida como motor da economía agraria galega. Gómez destacou, así mesmo, a condición de Galicia de líder nacional indiscutible neste ámbito, e mesmo de rexión de referencia dentro da Unión Europea.