29 agosto-1 setembro

AGROS ultima os detalles da sétima AgroSemana

O Espazo AGROS de Póvoa de Varzim acollerá unha nova edición da AgroSemana, a Feira Agrícola do Norte, do 29 de agosto ao 1 de setembro.

O obxectivo da Unión de Cooperativas AGROS, que celebra os seus 70 anos de vida, é darlle continuidade a este evento como referente no panorama agrícola portugués, proporcionando unha oferta técnica e profesional atractiva, impulsando o intercambio de coñecemento entre os axentes do sector e, á súa vez, achegando o mundo rural ao público máis urbano. Para tal fin, este ano os organizadores apostan aínda máis polo sector agroalimentario, a través dunha área diferenciada con foco na produción animal.

Un dos pratos fortes da AgroSemana será a celebración do 38.º Concurso Nacional da Raza Holstein Frisia, no que se prevé a participación de preto de 140 animais. Desenvolverase o sábado 31 (xatas e xovencas) e o domingo 1 (vacas en lactación). O sábado tamén terá lugar unha Exhibición de Novos Manexadores, na que o protagonismo será para as novas xeracións do sector.

Outro dos obxectivos desta sétima edición do certame é reforzar a promoción do consumo de leite. Así, os visitantes da AgroSemana poderán contar cunha maior diversidade de actividades, tanto de carácter especificamente agrícola e gandeiro como outras dirixidas ao público xeral e pensadas para desfrutar en familia, tales como concertos, música popular, yinkanas etc.

Programa completo