Agromuralla reclama que os puntos móbiles de inspección non se afasten dos lugares habituais

Agromuralla reclama que os puntos móbiles de inspección non se afasten dos lugares habituais

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla vén de enviar un comunicado no que solicita á empresa Supervisión y Control SAU, concesionaria da ITV en Galicia, e aos distintos Concellos "que busquen solucións para evitar a supresión dos emprazamentos habituais dos puntos móbiles de inspección". 

A entidade encargada da realización da ITV agrícola alega que as dimensións do novo camión que transporta a unidade móbil de inspección son maiores que o do que viña prestando o servizo ata o momento, polo que precisa dun espazo de maior tamaño para instalarse, que a maiores debe ser unha superficie totalmente plana, o que fai que moitos dos emprazamentos empregados ata o de agora non sexan válidos. Porén, a agrupación gandeira indica que estes condicionantes fixeron que recentemente se suprimise no concello de Láncara un dos dous lugares nos que todos os anos se podía pasar a ITV, en concreto o da Reboleira, obrigando aos gandeiros desa zona a teren que desprazarse con toda a súa maquinaria a outro dos puntos establecidos no municipio, supoñendo en moitos casos ter que percorrer distancias de máis de 10 quilómetros tanto cos tractores como co resto de aperos e maquinaria.