ROLDA DE PRENSA

Agromuralla explica os motivos da manifestación do día 17

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, que convoca para o vindeiro martes, 17 de marzo, unha manifestación que discorrerá polas rúas de Lugo en defensa do rural e de prezos xustos para os produtores, denuncia que cada ano os gandeiros galegos perden 100 millóns de euros polos prezos do leite que se lles pagan aos produtores en Galicia, os máis baixos de todo o Estado. 

O presidente de Agromuralla, Roberto López, acompañado de membros da Xunta Directiva da asociación, formada por gandeiros procedentes de distintos lugares da provincia de Lugo, denunciou a "inxustiza" que supón que, sendo Galicia a comunidade que produce o 40 % de todo o leite de España, "as industrias castiguen os gandeiros galegos cos prezos máis baixos de toda España". 

O decálogo de reivindicacións da manifestación do vindeiro martes inclúe a demanda de prezos xustos para os produtores cuns prezos mínimos garantidos que cubran os custos de produción e contratos en igualdade de condicións fronte ás industrias e as empresas de distribución. 

"Solidarizámonos cos agricultores e gandeiros que nas últimas semanas se estiveron mobilizando en distintos puntos de España e, igual ca eles, esiximos prezos dignos e xustos que nos permitan vivir do noso traballo. Seguimos en desvantaxe fronte ás industrias e as cadeas de supermercados e este segue a ser, a día de hoxe, un dos graves problemas que sufrimos os que nos dedicamos á actividade agrogandeira", asegurou López, que considerou "imprescindible" unha "verdadeira" reforma en profundidade da Lei da Cadea Alimentaria. 

Decálogo de reivindicacións de Agromuralla

Comunicado íntegro