DENUNCIA AMEAZAS E REDUCCIÓNS DE PRECIOS

Agromuralla se querella contra varias industrias ante a AICA por prácticas ilícitas nos contratos lácteos

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla denunciou ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, o feito de que tras o fin do estado de alarma decretado por mor da alerta sanitaria provocada pola Covid-19 distintas industrias lácteas que operan dentro do territorio de Galicia estean a actuar de xeito ilícito.

CONTRATOS CON REDUCIÓNS DE PREZO

De acordo co comunicado da asociación, moitos contratos que tiñan que ser renovados durante o estado de alarma viron prorrogada a súa vixencia para, unha vez restablecida a normalidade, subscribir novos contratos que empeoran as condicións previas. "Á parte de que a situación por parte das industrias lácteas pode ser constitutiva dun ilícito penal, están a infrinxir varios conceptos da Lei da Cadea Alimentaria ao aproveitar a situación xerada pola situación de alerta sanitaria para presionar os produtores para que asinen contratos con redución do prezo pactado", indican.

"As industrias manteñen unha postura impositiva e, lonxe de negociar as condicións dos contratos cos produtores, impoñen a súa vontade e criterio, coma se dun contrato de adhesión tratásese, deixando ao produtor sen capacidade de manobra", denuncia Roberto López, presidente de Agromuralla. Ademais, engade López, "nalgúns casos as modificacións dos contratos que se poñen á firma do produtor contradín o contrato en vigor ao introducir un cambio no prezo establecido a través dun anexo, cando non pode realizarse este tipo de modificación modificación deste xeito", sinala.

A maiores, indican que, de acordo co cambio acometido o pasado mes de febreiro na Lei 12/2013 de medidas para mellorar o funcionamento da Cadea Alimentaria a través do Real Decreto Lei  5/2020, os contratos alimentarios deben indicar expresamente que o prezo pactado entre o produtor e o seu primeiro comprador cobre o custo efectivo de produción pero, "na práctica, esta cláusula está a ser utilizada polas industrias lácteas para acometer un cambio de contrato e presionar os prezos á baixa".


Agromuralla acusa a Lactalis, Reny Picot, Inleit e Danone de non facer a oferta de contrato coa antelación exigida por lei e sinala a existencia de casos de amenazas por parte de Leche Río, Inleit e Lactalis

AMEAZAS E MEDO A REPRESALIAS

Agromuralla denuncia tamén que se infrinxe a obrigatoriedade de facer a oferta do novo contrato con dous meses de antelación expondo os casos de Lactalis, Reny Picot, Inleit ou Danone, "cuxa práctica habitual é poñer os contratos á firma sen esa antelación, coaccionando aos produtores para que asinen de inmediato". 

Neste sentido, aseguran que se están dando casos de ameazas e represalias por parte dalgunhas industrias, como Leite Río, Inleit ou Lactalis, contra algúns gandeiros que se negan a asinar os contratos nas condicións impostas.

Así mesmo, a asociación acusa as industrias, “que son as encargadas da toma de mostras para o posterior pago por calidades”, lembran, de non conservalas en condicións idóneas antes da súa chegada ao laboratorio para responsabilizar aos produtores da perda de calidades do leite.

No escrito enviado inclúense ademais copias dos anexos e das cláusulas abusivas introducidas nos contratos por varias das empresas, así como as cartas ameazantes enviadas aos gandeiros que se negaban a asinar, e ofrecen tamén a posibilidade de tomar declaración a gandeiros vítimas destas prácticas, a condición de que se garanta o seu anonimato para evitar posibles represalias por parte das industrias que lles recollen o leite.