Agromuralla denuncia as coaccións de Inleit aos gandeiros para que asinen un contrato á baixa

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla denuncia coaccións intolerables da empresa Inleit aos produtores galegos para rachar o contrato asinado no mes de marzo e cambialo por un novo con peores condicións de prezos e prazos. 

Segundo explica o presidente de Agromuralla, Roberto López, a empresa asentada en Teixeiro, está a presionar aos gandeiros aos que lle recolle o leite en Galicia, uns 200, para que acepten cambiar o contrato que teñen asinado por outro con prezos á baixa de entre 2 e 3 céntimos baixo ameazas de deixar de recollerlles o leite e emprender accións legais contra eles. 

Agromuralla reclama "a intermediación da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura ante a indefensión que están a sufrir os case 150 gandeiros que teñen contrato en vigor para que se manteñan as condicións asinadas entre as partes". 

"A empresa leva semanas celebrando reunións individuais cos gandeiros para presionalos para que acepten rebaixar as cláusulas dos contratos que teñen asinados, algo que é totalmente ilegal, con presións e ameazas que son intolerables", denuncia Roberto López.

A asociación Agromuralla lembra que Inleit, a empresa de nova creación asentada no polígono industrial de Teixeiro, de capital español e americano (Liasa e Rich's Corporation), "contou co respaldo da Xunta de Galicia e recibiu unha importante inxección de fondos públicos para a posta en marcha da súa planta, polo que a Xunta de Galicia non pode agora lavarse as mans e mirar para outro lado cando os dereitos dos produtores se están vendo gravemente vulnerados". 

Problemas coas mostras

A empresa pon como excusa para empeorarlles as condicións aos gandeiros a crise ocasionada polo coronavirus e as dificultades para a posta en marcha da nova factoría, "dúas circunstancias que non son responsabilidade dos gandeiros", argumenta Agromuralla, que lembra que "fai un ano, cando Inleit aterrou en Galicia, fíxoo con ofertas conducentes á captación de proveedores, cunhas condicións que agora empeora ao obrigar aos produtores a romper os contratos que estarían vixentes ata 2021 e establecendo, unilateralmente, os prezos á baixa, provocando que os produtores sufran importantes prexuízos". 

Do mesmo xeito, os gandeiros afectados temen represalias por parte de Inleit se se negan a modificar o contrato asinado e que está en vigor ata o vindeiro ano, xa que "a toma e custodia de mostras ao leite está en mans das empresas, que son as encargadas de envialas ao Ligal, de xeito que os produtores están indefensos en casos de analíticas sospeitosas", explica Roberto López. 

Cambios nos protocolos do Ligal

De feito, algúns produtores están tendo problemas cos resultados do punto crioscópico do leite, un aspecto intimamente vinculado á conservación das mostras e que xunto á bacterioloxía penaliza moito no prezo final ao gandeiro, polo que os gandeiros temen que este tipo de prácticas coercitivas sexan usadas por parte da empresa para rebaixarlles igualmente o prezo en orixe en caso de negárense a asinar un novo contrato empeorado. 

Por iso, desde Agromuralla reclaman "un cambio nos protocolos do Ligal para que se garanta a correspondencia dos resultados das analíticas coas mostras do leite tomadas nas explotacións, sen que se deixe, como acontece neste momento, a cadea de custodia en mans das industrias".

Reunión con membros da OPL Agraprol

Dentro das habituais xuntanzas que a asociación Agromuralla mantén habitualmente con outras entidades do sector que defenden aos gandeiros e gandeiras, varios membros da xunta directiva de Agromuralla celebraron a semana pasada unha xuntanza con integrantes da Organización de Produtores de Leite AGAPROL, que reúne a case 600 gandeiros de 8 comunidades autónomas, co obxectivo de explorar vías de colaboración conxuntas para a defensa dos gandeiros e a mellora dos contratos lácteos, que malia ás últimas reformas legais introducidas, seguen beneficiando claramente a unha das partes, as industrias, en detrimento dos produtores.

No encontro, celebrado na sede de Agromuralla en Lugo, analizouse a situación xerada trala recente modificación da Lei da Cadea para a inclusión dos custos de produción nos contratos, que as empresas están a saltar trasladando esa responsabilidade aos gandeiros, así como ás revisións xeralizadas á baixa nos novos contratos por parte da maioría de industrias, algo que claramente incumpriría as normas da Competencia.