Agromuralla celebra o seu 10º aniversario en Lugo desmontando bulos sobre o consumo de lácteos

Agromuralla celebra o seu 10º aniversario en Lugo desmontando bulos sobre o consumo de lácteos

Para celebrar os seus 10 anos de vida, Agromuralla celebra este venres 21 de novembro ás 11 horas un acto público baixo o lema O papel dos produtores na alimentación: desmontando bulos, que busca concienciar ao consumidor dos beneficios de introducir lácteos na dieta e da labor positiva sobre o territorio, o medio ambiente e a fixación de poboación no mundo rural que exercen as explotacións agrogandeiras. 

Este acto terá lugar ás 11 da mañá no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, na Ronda da Muralla, epicentro das protestas do ano 2015 que deron pé ao nacemento de Agromuralla.

Na mesa redonda participará o doutor Manuel Viso, médico e divulgador científico, autor do libro Supersanos; Emilio Gómez, xornalista da cadena Cope en Andalucía, documentalista e divulgador do medio rural; a deportista Elba Garfella, xogadora do equipo de baloncesto feminino Durán Maquinaria Ensino e medalla de ouro coa Selección Española sub 20 no Campionato Europeo celebrado no ano 2022; e José Luís Pérez Barreiro, gandeiro produtor de leite da Pastoriza e presidente de Agromuralla.

Tres lácteos ao día

Desde o punto de vista nutricional, o leite constitúe un dos piares fundamentais da alimentación humana, especialmente necesario durante a infancia e a adolescencia e durante a vellez, recomendándose o consumo de cando menos tres lácteos ao día. Aportan calcio, vitaminas e minerais e ten efectos positivos para a saúde a nivel cardiovascular e antitumoral. 

Do mesmo xeito, a nivel social e económico, as 5.000 explotacións leiteiras que quedan na actualidade en Galicia manteñen vivo o rural, creando riqueza e emprego e mantendo coidado o territorio e o medio ambiente nas comarcas do interior de Galicia. 

Dez anos defendendo ao sector

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla, que conta na actualidade con máis de 400 socias e socios nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense, converténdose así na entidade máis representativa do sector productor, cumpre 10 anos e continúa coa súa labor, fiel ao espíritu que a fixo nacer, na procura de condicións de vida dignas e prezos xustos.  

A situación actual de prezos do leite é diferente á do ano 2015, cando os tractores saíron á rúa para rodear durante semanas a Muralla de Lugo. O prezo medio en Galicia no pasado mes de setembro situouse en 52 céntimos, fronte aos 28 de setembro do 2015, garantindo a necesaria rendibilidade das granxas. 

Pero problemas como o peche de explotacións, a falta de relevo xeracional, a excesiva carga burocrática ou o endurecemento das normas ambientais seguen a ser os grandes retos que afronta a produción de leite en Galicia e enfermidades emerxentes como a EHE ou a Dermatose Nodular Contaxiosa suman incertidume de cara ao futuro. 

Quedan neste momento 5.011 granxas producindo leite en Galicia (8.894 no conxunto de España), practicamente a metade das que había no 2015 (9.238 en Galicia e 16.620 en España). 

Unión e solidariedade entre gandeiros

A unión e solidariedade entre gandeiros e a representación dos seus intereses diante da Administración foron desde o inicio e foron a ser na actualidade dous dos eixos principais de actuación da Agromuralla, que este ano, tralos devastadores incendios forestais sufridos no verán na provincia de Ourense, centrou os seus esforzos en subministar aos gandeiros das zonas afectadas comida para os seus animais, ao igual que fixera no ano 2017 a explotacións dos Ancares. 

Até o momento foron xa entregados 27 camións de rolos de silo e herba seca a gandeiros de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga, unha labor que continuará durante todo o inverno. A forraxe foi donada por socios de Agromuralla e outros gandeiros e transportada coa colaboración de camioneiros e empresas do sector do transporte.