Agolada estrea mañá a primeira edición da súa ExpoFeira

A primeira edición de ExpoFeira Agolada Rural abrirá mañá as súas portas no mercado de gandos da localidade pontevedresa. Trátase dunha mostra expositiva de maquinaria agrícola e animais que nace co obxectivo de darlle vida ao municipio e de poñer en valor a actividade agrogandeira.

A cita será inaugurada ás 13.00 horas do sábado polo presidente da Asociación de Empresarios de Deza, Antonio Lamas Carral, mentres que a clausura, o domingo ás 15.00 horas, correrá a cargo do fundador de Maxideza SL, Maximino Míguez Salgado, en representación dos participantes no devandito certame.

Á ExpoFeira acudirán preto de trinta expositores entre casas de maquinaria agrícola e produtores de Porco Celta, Galiña de Mos e de varias razas bovinas autóctonas de Galicia.