Axentes do sector lácteo reúnense en Lugo para deseñar a folla de ruta da súa dixitalización a través do proxecto HIBA

Axentes do sector lácteo reúnense en Lugo para deseñar a folla de ruta da súa dixitalización a través do proxecto HIBA

DATAlife Hub de Innovación Digital (DIH), entidade que ten o obxectivo de converter Galicia en biorrexión de referencia en Europa a través da creación de sinerxías entre os ofertantes de tecnoloxías e o sector produtivo, reuniu hoxe en Lugo a axentes do sector lácteo da comunidade autónoma para deseñar a folla de ruta da súa dixitalización, que fará a través do proxecto Hub Iberia Agrotech (HIBA), financiado pola Unión Europea mediante o programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. A meta final é a creación dun Ecosistema Plurirrexional para a Agrodixitalización que consiga a reactivación económica e incremente a competitividade das pemes do sector lácteo.

Ao encontro de hoxe en Lugo, que foi convocado baixo a denominación HIBA Focus Group, acudiron, entre outros, representantes de Africor Lugo, Fundación Pública Galega Rof Codina,  Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía del Campus de Lugo de la USC, de Innogando, Energylab, Ps Vet Dairyquality, Triple Alpha Innovation, Cofrico, SAT A Vereda e Deinal Soluciones Agroalimentarias.

"Estiveron representadas explotacións agrarias, produtores, provedores, cooperativas, empresas transformadoras, centros tecnolóxicos, entre outras", explica Ruth Martín Pérez, de DATAlife, quen asegura que "coas achegas xurdidas do debate" será elaborado un "informe diagnóstico" que recompile a información xerada no evento de hoxe e ao longo de 2021 polo equipo de DATAlife, que xa empezou a traballar sobre o terreo para "implementar as medidas que permitan avanzar na dixitalización do sector lácteo galego". Ruth Martín afirma que "o importante é que as empresas do sector avancen na súa transformación dixital, independentemente de onde se atopen neste momento. Queremos escoitar a todos os axentes do sector, entender a súa madurez dixital e o que necesitan mellorar para acelerar esa transformación".

O vindeiro xoves, 16 de decembro de 2021, está tamén previsto outro encontro HIBA Focus Group na cidade de Lugo para coñecer as necesidades en materia de innovación do sector cárnico de Galicia. A semana do 20 de decembro, DATAlife organizará ademais espazos de diálogo contorna ao sector forestal e a pesca para completar a súa visión do ecosistema Agrotech de Galicia.