O 17 de xaneiro de 2026, o Mercado Común do Sur (Mercosur) e a Unión Europea (UE) asinaron no teatro José Asunción Flores do Banco Central de Paraguay o acordo que crea unha das zonas de libre comercio máis grandes do mundo. Este pacto trans-atlántico está dando moito que falar nas últimas semanas no sector agrícola e gandeiro, ante o seu suposto prexuízo, principalmente en ámbitos coma o da carne de vacún.
Agricultores e gandeiros temen sufrir unha competencia desleal, debido a que os produtos agrícolas suramericanos poden ser máis baratos por mor dos menores custos laborais e ambientais. Baixo esta premisa, nos últimos meses acumuláronse as protestas e manifestacións en España e no resto de Europa.
O documento do tratado recolle o libre comercio dunha gran variedade de produtos entre ambas as zonas. Reduciranse ou eliminaranse aranceis para importar produtos desde a UE e para favorecer tamén as exportacións europeas. Mercosur está formado por uns 270 millóns de habitantes, que se suman aos 450 millóns de persoas que viven na UE.
Co acordo pendente dunha ratificación final á saída desta revista, tratamos de dilucidar os puntos principais do pacto da man de Tomás García Azcárate, economista especializado en PAC e mercados agroalimentarios; Matilde Moro, xerente nacional da Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (Asoprovac); Jorge Hernández, gandeiro en Monfarracinos (Zamora) e responsable de vacún de leite da Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) en Castela e León, e Xabier Iraola, coordinador de Euskal Nekazarien Batasuna (ENBA) en Gipúscoa.
Antecedentes: máis de vinte anos de negociacións
O Mercado Común do Sur (Mercosur) é unha alianza comercial creada en 1991 pola Arxentina, O Brasil, O Uruguai e Paraguai, e conforma a unión comercial máis grande de América do Sur. Entre estes catro países existe unha libre circulación de bens e servizos. Desde 2012, Venezuela forma parte de Mercosur, aínda que nos últimos anos se atopa en estado de suspensión. Pola súa banda, Bolivia tamén pretende adherirse.
As negociacións para levar a cabo este convenio de tal calibre remóntanse ao cambio de milenio. Neste tempo, unha das principais reticencias do pacto estaba precisamente no referido á produción agrícola.
“España, desde antes de negociar a adhesión á Comunidade Económica Europea (CEE) na década de 1980, sempre se propuxo estreitar as relacións entre Europa e América do Sur”, razoa Tomás García Azcárate. “Canto máis intenso sexa o trato entre Suramérica e Europa, máis estratéxico será o papel de España e Portugal, porque a gran maioría das relacións económicas, humanas, científicas etc. que se van producir van pasar pola península ibérica”, remarca.
Azcárate lembra que, “por este motivo, os partidos políticos que encabezaron os distintos gobernos de España sempre estiveron a favor do acordo con Mercosur, por moito que algúns agora calen máis ca outros. Este acordo, dun ou doutro xeito, forma parte das prioridades diplomáticas españolas desde os anos 80”.
Sen este pacto de por medio, as relacións comerciais entre ambos os bloques xa eran intensas nos últimos anos: “En 2024, importáronse desde Mercosur ata Europa 200.000 toneladas de carne de vacún, un 30 % do total do que se produce en España”, acredita Matilde Moro.
A Unión Europea converteuse no segundo maior socio comercial de Mercosur, por detrás da China e por diante dos Estados Unidos. En produtos agroalimentarios e pesqueiros, España é o terceiro provedor europeo de Mercosur e o segundo comprador. Segundo a Comisión Europea, a maioría das importacións son bens primarios, mentres que as exportacións se corresponden con bens manufacturados.
Situación actual
A posta en marcha do asinado semella inminente. Aínda que en xaneiro de 2026, o Parlamento Europeo votou a favor de remitir o acordo ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que o revise, a Comisión Europea xa manifestou a súa intención de instaurar a parte comercial. “En canto o primeiro país latinoamericano o valide, entrará en vigor para os países que o vaian aprobando”, indica García Azcárate.
Pola súa banda, o TXUE pode tardar ata dous anos en pronunciarse. Matilde Moro confía nun veredicto contrario do Alto Tribunal: “Se se pon en marcha e o Tribunal Europeo ditamina que non é conforme cos tratados fundamentais da Unión, a Comisión promovería algo que habería que revisar de novo. Iso para nós sería o ideal, porque o estivemos denunciando desde hai moitísimos anos”.
Con todo, Tomás García cre que o problema virá a longo prazo, por moito que a institución europea consiga agora evitar os detractores: “O comercial é parte dun acordo global e este si ten que ser votado a favor tanto polo Parlamento Europeo coma polos parlamentos de cada país membro. Tal e como está o asunto, é moi posible que nos vindeiros anos o convenio global non se aprobe. Non teño resposta para saber en que medida o acordo comercial poderá seguir en vigor”.cuerdo comercial podrá seguir en vigor”.
Desequilibrio na forma de produción
Os expertos coinciden en que as diferenzas en normas sanitarias e de benestar animal entre o bloque do Mercosur e o europeo son grandes. Na UE existen regras estritas sobre trazabilidade, pesticidas, hormonas e benestar animal. Témese que os produtos importados non cumpran estándares equivalentes, pero si compitan en prezo, un punto que xera rexeitamento tanto en produtores coma en consumidores.
“Moitas axencias comerciais veterinarias se propoñen traballar en América Latina coma nun paraíso. Séguese empregando somatotropina bovina, hormonas de crecemento e clembuterol. O benestar animal non ten nada que ver coas condicións europeas”, apunta Jorge Hernández.
“Nunha análise encargada por parte de Provacuno concluíuse que, por exemplo, o 27 % das materias activas utilizadas de maneira habitual no Brasil foran prohibidas na Unión Europea en diferentes períodos de tempo. A listaxe de diferenzas é moi longa: límites máximos de residuos no abastecemento de ingredientes para a alimentación animal, o emprego de promotores de crecemento hormonais, os antibióticos coma promotores de crecemento etc.”, subliña a xerente de Asoprovac.
Para Xabier Iraola, “xera frustración ver que os métodos de produción non van aparellados en ambos os lados do acordo. A UE esixe as condicións ao produto final importado, pero non entra no seu proceso. Iso provoca que poidan acadar un prezo máis barato de ata un 30 %. Así mesmo, é discutible o seguimento do propio produto final canto á súa distribución; móvese unha inxente cantidade de material nos mercados internacionais”.
A carne de vacún, entre os produtos máis afectados
As voces consultadas, así como o sentir do sector, indican que a carne de vaca será un dos produtos que máis sufran co pacto; en consecuencia, “as pequenas ganderías”, tal e como apunta Matilde Moro, serán, de novo, as máis prexudicadas.
Nun principio, Tomás García Azcárate pensa que o tratado “non vai cambiar nada no que respecta ao gando de leite. Algúns formularon que isto ía asegurar o abastecemento en millo e en soia, que é importante para a alimentación animal. Non obstante, creo que este non é un argumento, porque o aprovisionamento de millo e de soia procedente de Mercosur xa entra sen aranceis”.
Comenta que “se acaso, podería resultar algo positivo porque vai haber axudas da Unión Europea para que estes países cumpran mellor as regras sobre a deforestación. Habería que ver un impacto, pero sería, nese caso, secundario”.
Con respecto ao leite fresco, indica que o problema “non vai vir nunca de Mercosur, senón das importacións que existen desde outros países de Europa e das importacións que poida haber de queixos, que ese é o grande oco polo cal entra leite transformado certamente no mercado español. Quizais, buscando un impacto positivo indirecto, se podería abrir un mercado para os queixos españois nos países de Mercosur, pero, de novo, coma no caso dos insumos, estamos falando dun impacto de segunda orde”.
Con todo, García Azcárate si entende a relación entre as ganderías de leite e as de carne: “As vacas leiteiras teñen un subproduto, que é o xato, que entra no mercado da carne. Aí é onde todas as análises din que podería haber un impacto máis significativo. Non é tanto un impacto cuantitativo, porque as cantidades están baixo cota, senón que os produtos que se poden importar van entrar no mercado dos produtos de maior prezo. Isto pode crear un problema global maior ca o cuantitativo. Haberá que vixiar moito o que ocorre e intentar competir na medida do posible”.
Para Jorge Hernández “chegará ao mercado español unha carne nunhas condicións de prezo moito máis vantaxosas. Se pretendemos que o consumidor sexa quen decida, non vai ser posible debido ás necesidades económicas. Unicamente mirarán o prezo”.
Xabier Iraola remarca que “se supón que estiman a UE como unha zona rica, polo que nos envían as partes do canal con maior valor engadido. En España importamos carne de países da UE como Polonia, Alemaña e Países Baixos. Nalgúns casos veñen os canais completos, pero noutras ocasións son partes dese valor engadido. Imos ver como afecta o acordo a este tipo de mercado. Se a carne que vén de Mercosur chega a prezos máis reducidos, pode presionar á baixa o conxunto do canal. Hai que estar á expectativa de como funcionarán os mercados, a reacción das grandes empresas exportadoras a Mercosur, pero tamén a das importadoras de aquí”.
A industria láctea, a favor
A Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) móstrase a favor do acordo, da man da European Dairy Association (EDA). Aplauden o pacto e cualifícano como “fito”, tras dúas décadas de negociación. Enmárcano en principios de comercio “libre, xusto e sostible” e destacan o seu alcance.
Desde a perspectiva de industria, EDA liga o comercio exterior con emprego (máis de 45.000 postos directamente vinculados a exportacións) e pon énfase en dúas ideas para rebaixar temores: por un lado, a autosuficiencia láctea de Mercosur (entre o 98 % e o 281 %, segundo países) e, polo outro, que as importacións de queixo e po desde a UE “non alcanzaron un volume significativo ata agora". Ademais, considera estratéxica a protección dunhas 350 indicacións xeográficas europeas fronte a imitacións en Mercosur.
O Barómetro do sector lácteo de Fenil retrata un comezo de 2026 “en fase de axuste e normalización” tras un 2025 de alta volatilidade e prezos récord en orixe, nun contexto de maior oferta mundial de leite e unha demanda internacional “contida”, ademais de tensións comerciais.
Demandas dos ganadeiros
Aínda que o final deste proceso se vía vir no último ano, foi nas últimas semanas cando se acrecentaron as protestas por parte dos agricultores e gandeiros que se senten prexudicados. Diversas agrupacións rexionais impulsaron numerosas protestas nas distintas comunidades españolas, que culminaron no chamado “superxoves” do campo do 29 de xaneiro.
Nesa data, as concentracións foron promovidas pola Asociación Agraria de Novos Agricultores (Asaja), a Coordinadora de Agricultores e Gandeiros (COAG) e a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA). Días despois, miles de persoas citáronse en Madrid. A razón esencial da protesta era este acordo entre a Unión Europea e Mercosur, pero tamén se incluíron as críticas á reforma da PAC e o exceso de burocracia do sector.
“A xente está moi cabreada porque chove sobre mollado”, expón Azcárate. “Sinte que non os escoitan, despois dunha aplicación acelerada, administrativa e imperativa do Pacto Verde, co que se intentou moito máis impor que convencer. Ademais, temen que o orzamento futuro para o ámbito agrícola diminúa, o que xera moita máis incerteza. Certo é que se buscan lemas fáciles coma o da Axenda 2030 ou o de Mercosur, que penso que son os que menos culpa teñen de todo isto”.
Para Matilde Moro, as protestas prodúcense por “falta de asimetría no acordo”. Incide en que, “se existen determinados estándares, que son o eixe do modelo europeo de produción e llelos esixes aos teus produtores, non podes negociar con terceiros países e meter eses requisitos nun caixón”.
“A medio prazo, o que non debemos descartar é pedir responsabilidades ou mesmo poñer en marcha algún tipo de campaña para explicarlle ao consumidor europeo por que os nosos gobernantes non nos permiten traballar da mesma maneira que si se favorece a outros produtores en países terceiros”, propón a xerente de Asoprovac.
Medidas de salvagarda
Ante este acordo, a UE aprobou unha serie de salvagardas para actuar no caso de que se detecte un dano grave en sectores internos.
Poderíase suspender a redución arancelaria prevista ou aumentar as taxas arancelarias ao produto afectado.
“Unha cousa é que estean as normas previstas nos regulamentos e outra é que haxa un seguimento de verdade”, móstrase escéptico Azcárate. “Haberá que estar moi vixiantes”. Non obstante, sinala que “ata agora nunca houbo ningunha alerta de, por exemplo, carne con hormonas, pero isto é como a rendibilidade dos fondos de investimentos: a rendibilidade pasada non garante a futura”.
“Nas fronteiras son os Estados membros os encargados de inspeccionar e nos mercados é unha cuestión que deben abordar as comunidades autónomas. A lóxica económica dinos que os exportadores latinoamericanos van intentar vender a mellor carne para conseguir o mellor prezo, porque non poden exportar dunha maneira ilimitada”, xustifica.
“A Comisión Europea indicou que no caso de que houbese un sector afectado teríanse en conta unha serie de compensacións, pero, para nós, é unha proposta perversa. Non existe ningún analista que diga que é bo para o sector. A maioría recoñece que a UE sacrifica o sector primario en beneficio do resto. Con ese tipo de indemnizacións aumentamos aínda máis a dependencia que teñen os sectores produtivos das axudas públicas. Isto anestesia o sector e dálle unha mala imaxe á sociedade”, subliña Iraola.
Consecuencias
Coas discrepancias políticas derivadas do pacto, deberase realizar unha análise profunda a posteriori, se finalmente o libre comercio impera en ambos bloques. “Eu creo que a UE fai ben en defender a súa autonomía estratéxica, militar e tecnolóxica, pero esquece a alimentaria e medioambiental, tal e como se puxo de manifesto a súa importancia na pandemia da COVID”, destaca Tomás.
“Eu creo que estratéxica e globalmente o acordo con Mercosur é bo para España e para Europa no actual contexto de tensións mundiais. Non obstante, como todo acordo, ten luces e sombras, e unha delas é o vacún de carne ou outros coma os cítricos. Haberá que ver como se pode axudar os produtores”, incide.
Jorge Hernández apunta que “se é verdade que Europa necesita o acordo, non pode deixar de lado os seus agricultores e os seus gandeiros. Terá que procurar que as condicións de produción sexan as mesmas. Penso que faltou unha maior explicación por parte de todas as administracións para transmitirlles tanto aos integrantes do sector primario como aos consumidores a que se van enfrontar”.
“Se levamos corenta anos apostando por unha alimentación de calidade e agora o imos tirar todo por terra, paréceme que a Unión Europea vai en direccións contrapostas. Por un lado, apoia unha produción máis sostible e ecolóxica, mentres que, polo outro, abre a porta ao que veña. Baixo o meu punto de vista, non ten sentido e non o comprendo”, conclúe Jorge.
Todo fai indicar que o acordo se poñerá en marcha paulatinamente, con pouca incidencia no vacún leiteiro, aínda que si se pode ver afectada a parte cárnica vinculada ás ganderías de leite, en especial a saída de xatos e o valor do canal no mercado.