A partir de hoxe, 1 de febreiro, iníciase a campaña de solicitude de axudas da PAC 2019, que permitirá a máis de 716.000 produtores presentar, ata o próximo 30 de abril, a solicitude única das axudas directas da Política Agrícola Común (PAC), mediante a cal o produtor pode solicitar todas as súas axudas dunha soa vez.
O importe total das mesmas ascende a 4.954 millóns de euros, que se poderán abonar en forma de anticipos a partir do 16 de outubro e o saldo a partir do 1 de decembro.
Igual que en campañas anteriores, a solicitude única debe dirixirse á autoridade competente da comunidade autónoma na que radique a explotación ou a maior parte da superficie da mesma e en caso de non dispor de superficie presentarase na comunidade autónoma na que se atope o maior número de animais.
Para obter máis información acerca da aplicación da PAC, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación puxo a disposición dos agricultores e gandeiros as notas técnicas actualizadas desta nova campaña a través da súa páxina web e da web do FEGA.
GALICIA
Os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar de forma telemática desde hoxe, venres 1 de febreiro, a solicitude única para concorrer aos pagos directos á agricultura e á gandería e ás axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, coñecidas como axudas da PAC.
O Diario Oficial de Galicia fixo pública a orde da Consellería do Medio Rural que regula esta liña de achegas e cuxo orzamento previsto alcanza os 210 millóns de euros, dos cales 170 millóns de euros corresponden aos pagos directos da PAC e 40 millóns de euros ás medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).
O obxectivo principal destas axudas é contribuír a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, potenciando tamén os agricultores realmente activos e as prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.
O prazo para a presentación de solicitudes manterase aberto ata o próximo 30 de abril.
Orde da Consellería do Medio Rural