Ábrese o prazo de inscrición para asistir á xornada de PROePLA

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra da USC e a Oficina Agraria Comarcal de Lugo están a organizar a xornada Smart Farming, Novas Tecnoloxías na Produción de Leite, que terá lugar o vindeiro 12 de setembro no salón de actos da EPS de Lugo. Esta xornada está enmarcada dentro do Plan de Transferencia Tecnolóxica ao Agro Galego 2019, financiado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A mañá estará dedicada á parte máis teórica. O coordinador de PROePLA, Manuel Marey, ofrecerá unha conferencia que leva por título ‘A investigación en Smart Farming: perspectiva da Spanish Journal of Agricultural Research (SJAR)’. A doutoranda Alba Vázquez falará das futuras oficinas agrarias virtuais e o subdirector xeral de Formación e Innovación Agroforestal de Agacal, José Antonio Portos, disertará sobre o impulso da innovación agraria desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Durante o descanso, varias empresas do sector (Alltech, Aresa, Corteva-Pioneer, DeLaval e Durán Maquinaria) farán cadansúa presentación sobre as súas innovacións neste ámbito.

Xa en horario de tarde, os asistentes á xornada visitarán unha explotación situada no municipio de Castro de Rei. Alí, cada unha das empresas participantes fará unha demostración práctica das súas innovacións aplicadas ao día a día da produción láctea.

INSCRICIÓNS

Todas aquelas persoas interesadas en participar na xornada deberán inscribirse a través do enderezo electrónico proepla@gmail.com. O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe ata o vindeiro 10 de setembro. As prazas son limitadas.

Programa

Formulario de inscrición