190 gandeiros da Coruña visitan as instalacións de Xenética Fontao

190 gandeiros da Coruña visitan as instalacións de Xenética Fontao

As instalacións de Xenética Fontao acolleron esta mañá a visita de 190 profesionais de Africor Coruña, que foron recibidos polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, como presidente do consello de administración de Xenética Fontao, e Jesús Vázquez, director do centro.

O obxectivo do encontro foi informar aos gandeiros coruñeses en materia de xenética e tamén sobre os touros máis actuais cos que conta Xenética Fontao, coincidindo coa campaña anual de adquisición conxunta de doses seminais por parte das explotacións en control leiteiro. Deste xeito, esta visita sérvelles aos gandeiros para completar a información que xa reciben habitualmente a través de catálogos e outros medios.

Así, con este tipo de xornadas formativas, os gandeiros poden intercambiar impresións cos técnicos do centro e ver directamente os touros durante a visita ás instalacións.