A Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, publicou neste inicio de 2026 o Informe de Declaracións de Entregas de Leite Cru aos Primeiros Compradores correspondente a novembro. No documento reflíctese un prezo medio do leite en España de 0,542 €/litro no undécimo mes do ano.
O valor supón un novo incremento con respecto ao mes anterior e é superior ao rexistrado en novembro de 2024 (0,492 €/litro). A cifra é a máis alta do último ano, xa que ata o momento non se sobrepasaran os 0,535 €/litro (marcados en outubro).
Non obstante, en canto ao volume de produción mensual, o informe mostra unha baixada próxima ao 3 % con respecto ao mesmo período do ano anterior. Mentres en novembro de 2024 se declararon 584.244 toneladas de leite, no de 2025 a cifra situouse en 567.119 toneladas.
Pola súa parte, as comunidades autónomas que rexistraron o prezo máis alto en novembro foron Canarias (0,638 €/litro), País Vasco (0,577 €/litro) e A Rioxa (0,575 €/litro). Polo contrario, os valores máis baixos corresponden a Galicia (0,527 €/litro), Extremadura (0,526 €/litro) e Illas Baleares (0,470 €/litro).