A Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, publicou o Informe de Declaracións de Entregas de Leite Crú aos Primeiros Compradores correspondente a abril. No documento reflíctese un prezo medio do leite en España de 0,534 €/litro no cuarto mes do ano.
Esta memoria ten especial relevancia, xa que se trata da primeira que rexistra as rebaixas implementadas polas industrias lácteas na renovación dos contratos que comezaron en Galicia e entraron en vigor o 1 de abril.
No que respecta ao volume de produción mensual, o informe amosa unha lixeira subida con respecto ao mesmo período do ano anterior. Mentres en abril de 2025 se declararon 644.196 toneladas de leite, en abril de 2026 a cifra situouse en 647.442 toneladas. No que vai de 2026, a produción de leite aumentou arredor de 41.000 toneladas con respecto aos catro primeiros meses de 2025.
Pola súa banda, as comunidades autónomas que rexistraron o prezo máis alto en abril foron Canarias (0,641 €/litro), País Vasco (0,560 €/litro) e Comunidade Valenciana (0,557 €/litro). Pola contra, os valores máis baixos corresponden a Estremadura (0,469 €/litro), Illas Baleares (0,469 €/litro) e Galicia (0,461 €/litro).