- As rebaixas formuladas, de entre 7 e 9 céntimos por litro, sitúan a negociación nun dos momentos máis tensos dos últimos anos.
As propostas de baixada do prezo do leite en orixe abriron unha nova fronte de conflito no sector lácteo, con gandeiros e industria enfrontados polo reparto do axuste nun contexto de custos á alza e mercado global incerto. Galicia volve marcar o pulso do sector lácteo español en plena renovación de contratos, con rebaixas de ata 10 céntimos por litro que desataron a contestación do campo e a intervención da Administración.
A renovación dos contratos lácteos en España abriu un novo escenario de tensión no sector. Nas últimas semanas, as industrias comezaron a trasladar aos gandeiros propostas de revisión á baixa do prezo do leite en orixe, nun momento especialmente sensible marcado polo incremento dos custos de produción nas gandarías e unha evolución desigual dos mercados internacionais.
O proceso coincide ademais cun contexto global complexo: aumento da produción na Unión Europea, movementos nos mercados internacionais de derivados lácteos e unha crecente presión competitiva derivada de cambios nos fluxos comerciais mundiais.
GALICIA, AVANGARDA PARA TODO O PAÍS
Galicia volve situarse como o punto de partida desta negociación. Non só é a principal rexión produtora de leite de vaca en España —con arredor do 40% do volume nacional—, senón tamén o territorio onde primeiro se están renegociando os contratos, polo que poderían marcar a referencia que posteriormente se estenda ao resto do país.
Segundo o comunicado emitido por Agromuralla e a OPL, os gandeiros galegos están recibindo propostas de renovación que inclúen rebaixas de entre 7 e 9 céntimos por litro respecto dos contratos anteriores. Esa marxe de descenso é a que disparou a contestación do sector produtor e situou a Galicia como vangarda dunha negociación que pode condicionar a evolución dos prezos no conxunto do Estado. Hoxe coñeceuse a oferta de Entrepinares, cun prezo base de 455 €/tonelada, mantenendo as primas por calidades que tiñan no contrato anterior, unha baixada de 55 €/tonelada.
A dimensión do conflito levou á intervención da Administración autonómica. A Consellería do Medio Rural anunciou un reforzo dos controis sobre a renovación de contratos co obxectivo de verificar a súa adecuación á lexislación vixente e garantir a sustentabilidade da cadea. Ademais, reclamou maior vixilancia sobre a entrada de produtos lácteos doutros países e instou á industria a actuar con responsabilidade.
En paralelo, a Xunta abriu unha vía de diálogo tanto coas industrias como coa distribución, apelando á corresponsabilidade de todos os elos da cadea e mostrando o seu rexeitamento a reducións pronunciadas no prezo pagado aos produtores no contexto actual.
A nivel estatal, o Ministerio de Agricultura non se pronunciou polo momento de forma específica sobre as rebaixas formuladas nos contratos. Non obstante, nas súas últimas análises do sector lácteo apunta a unha produción estable en España fronte ao aumento rexistrado noutros países da Unión Europea.
AS XUSTIFICACIÓNS DA INDUSTRIA
Desde o lado industrial, o principal argumento para xustificar a revisión de prezos é a perda de competitividade do leite español fronte a outros países da Unión Europea. Argumentan que o prezo en orixe en España se sitúa en niveis superiores á media comunitaria, o que, segundo sosteñen, favorece a entrada de leite e produtos transformados procedentes doutros mercados.
A iso súmase o comportamento dos produtos lácteos nos últimos meses, especialmente a manteiga, cuxa evolución tivo un impacto directo na rendibilidade das empresas transformadoras. A industria tamén apunta a un incremento da oferta de leite en Europa, o que engade presión sobre os prezos.
Neste escenario, formulan o axuste do prezo en orixe como unha medida para recuperar marxes e manter a competitividade nun mercado cada vez máis globalizado.
A PRODUCIÓN CHAMA A NON ASINAR
A resposta do sector produtor foi contundente. Organizacións como a OPL e Agromuralla consideran que as baixadas formuladas non están xustificadas pola situación actual do mercado.
No seu comunicado, argumentan que os prezos de produtos como o leite líquido, a nata ou a manteiga mostraron unha evolución á alza nos últimos meses, en contraste co discurso da industria.
Ademais, alertan de que estas propostas chegan nun momento de forte incremento dos custos de produción. Segundo advirten, o encarecemento do gasóleo, a electricidade, os fertilizantes e outros insumos está tensionando de forma significativa a rendibilidade das explotacións.
A mensaxe máis contundente do sector produtor é o seu chamamento a frear a sinatura dos novos contratos. “Non asinen os contratos, aínda temos tempo para negociar e é necesario presionar á industria láctea para que non baixe os prezos”, sinalan de forma expresa.
Así mesmo, a Lei da Cadea Alimentaria establece que os contratos deben cubrir os custos efectivos de produción, o que levou ás organizacións agrarias a advertir de que a sinatura de acordos por baixo deses custos podería incumprir a normativa vixente.
QUE ESTÁ PASANDO NO MUNDO
Os últimos datos do Observatorio do Mercado do Leite da Unión Europea apuntan a un escenario mixto. Por unha banda, a produción está aumentando: en xaneiro de 2026 a recollida de leite medrou un 4,5%. Esta tendencia non é exclusiva de Europa. Nos principais países exportadores tamén se observa un incremento da produción, con crecementos interanuais nos últimos meses en Estados Unidos, Reino Unido, Nova Zelandia e Australia. No seu conxunto, os grandes exportadores están aumentando a oferta mundial de leite, o que contribúe a un escenario de maior presión sobre os prezos.
Porén, o comportamento dos prezos dos principais produtos industriais non é uniforme e, de feito, introduce matices relevantes. Nas últimas semanas, a manteiga na UE situouse arredor dos 434 euros por cada 100 quilos, cun incremento do 2,6% no último mes. Tamén subiron con maior intensidade o leite desnatado en po, un 7,3%, e o leite enteiro en po, un 6,9%, mentres que o cheddar mostrou unha lixeira corrección do 0,3%.
Ao mesmo tempo, os custos de produción seguen escalando a nivel global. No curto prazo, os custos de alimentación aumentaron un 4,5%, mentres que os enerxéticos se dispararon un 27,7%, o que afecta directamente á rendibilidade das gandarías e limita a súa capacidade para absorber novas reducións de prezo.
Outro factor relevante é a crecente competencia internacional. Estados Unidos mantense especialmente competitivo en produtos como a manteiga e o cheddar, mentres que a Unión Europea o é en leite desnatado en po e Oceanía en leite enteiro en po.
A evolución do mercado estadounidense reflicte ademais un elemento estrutural importante: a forte volatilidade dos prezos en función dos niveis de stock. Ao longo dos últimos anos, os prezos da manteiga en Chicago mostraron oscilacións intensas, con picos elevados cando cae a dispoñibilidade e correccións rápidas cando aumenta a oferta. Este comportamento inflúe directamente nos fluxos comerciais globais.
A iso súmase a actual política comercial dos Estados Unidos, marcada pola imposición de aranceis na súa contorna tradicional, o cal alterou os seus destinos de exportación. Parte do volume que antes se dirixía a mercados como México ou Canadá está buscando agora saída noutras zonas, incluídos países europeos ou destinos onde tamén compiten os produtos da Unión Europea.
Este desprazamento de produto engade presión adicional sobre os prezos internacionais e contribúe a unha contorna máis competitiva para a industria comunitaria.
En paralelo, a evolución de Fonterra non apunta precisamente a un mercado internacional en derrubamento. A primeira poxa de 2026 arrincou cunha subida do 6,3% no índice global de prezos e un valor medio de 3.533 dólares por tonelada. A segunda, celebrada o 20 de xaneiro, engadiu outro 1,5% e situou a media en 3.615 dólares. A partir de aí, a tendencia seguiu sendo alcista: a cuarta poxa do ano repuntou un 3,6% ata 4.028 dólares; a de comezos de marzo disparouse un 5,7%, con fortes subidas en leite desnatado en po, mozzarella, manteiga, leite enteiro en po e cheddar; e a última poxa, do 17 de marzo, encadeou a sexta subida consecutiva, aínda que máis leve, do 0,1%, cun prezo medio de 4.330 dólares por tonelada. É dicir, o mercado de referencia de Oceanía vén mostrando desde xaneiro unha recuperación sostida, con especial fortaleza no leite en po e na manteiga, dous indicadores clave para interpretar o ton do comercio internacional de lácteos.
Ese escenario global debuxa, por tanto, unha situación moi pouco lineal. Hai máis leite no mercado e unha competencia exterior crecente, o que dá argumentos á industria para defender un axuste. Pero, ao mesmo tempo, algúns dos principais produtos industriais recuperaron valor nas últimas semanas e os custos de produción seguen tensionando fortemente a conta de resultados das explotacións.
A clave do conflito está en determinar se a actual conxuntura internacional xustifica unha corrección moderada do prezo ou se, pola contra, se está intentando trasladar ao elo produtor un axuste máis intenso do que avalan os datos. O que se resolva agora en Galicia non só marcará a negociación inmediata dos contratos, senón tamén o equilibrio de forzas en toda a cadea láctea española nos vindeiros meses.