A produción de leite en España aumentou novamente en marzo

A produción de leite en España aumentou novamente en marzo

A Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou o Informe de Declaracións de Entregas de Leite Crú aos Primeiros Compradores correspondente a marzo. No documento reflíctese un prezo medio do leite en España de 0,534 €/litro no terceiro mes do ano.

O valor sofre un lixeiro descenso con respecto ao inicio de ano (0,541 €/litro) e é superior ao rexistrado en marzo de 2025 (0,496 €/litro). Non obstante, esas cifras xa non se corresponden coa realidade actual, tras as rebaixas implementadas polas industrias lácteas na renovación dos contratos que comezaron en Galicia e entraron en vigor o 1 de abril.

No que respecta ao volume de produción mensual, o informe amosa unha nova subida con respecto ao mesmo período do ano anterior. Mentres en marzo de 2025 se declararon 650.176 toneladas de leite, en marzo de 2026 a cifra situouse en 667.757 toneladas. No que vai de 2026, a produción de leite aumentou arredor de 38.000 toneladas con respecto ao primeiro trimestre de 2025.

Pola súa banda, as comunidades autónomas que rexistraron o prezo máis alto en marzo foron Canarias (0,639 €/litro), País Vasco (0,577 €/litro) e Comunidade Valenciana (0,557 €/litro). Pola contra, os valores máis baixos corresponden a Andalucía (0,517 €/litro), Estremadura (0,511 €/litro) e Illas Baleares (0,474 €/litro).