FrieslandCampina sobe de novo o prezo do leite aos seus produtores

FrieslandCampina sobe de novo o prezo do leite aos seus produtores

A industria láctea holandesa FrieslandCampina anunciou que incrementa o prezo do leite en 0,25 €/100 kg para maio. Deste xeito, o prezo integral ascende a 45,46 €/100 kg, mentres que o garantido acada os 41,75 €/100 kg. A compañía explica que se agarda que as empresas de referencia aumenten os seus prezos do leite en orixe de forma limitada, en liña coa evolución do mercado.

O importe integral baséase no prezo garantido, complementado coa prima máxima de Foqus planet por sustentabilidade e un bono por cantidade, despois das deducións por cargos e custos. Ademais, os socios de FrieslandCampina poden recibir un pagamento adicional en función dos resultados da compañía e da súa política de ganancias retidas.

En maio, o valor dos compoñentes sobe ata chegar aos 582,94 euros para a proteína e 466,35 euros para a graxa por cada 100 quilogramos de leite. O cálculo do pagamento mensual realízase cunha relación fixa 5:4 (proteína/graxa) e sobre un leite estándar con 3,57 % de proteína e 4,49 % de graxa, sen IVE, para unha entrega media anual de 1.000.000 quilos.