A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia recomenda extremar todas as medidas preventivas en relación coa dermatite nodular contaxiosa (DNC).
Aconsella evitar, na medida do posible, o traslado de animais bovinos desde zonas próximas aos focos desta enfermidade detectados en países europeos (entre eles, Italia e Francia). Ademais, pide incrementar as medidas de bioseguridade, tanto nos traslados de animais procedentes destes países como nas propias ganderías.
A DNC é unha enfermidade vírica producida por un poxvirus, que afecta especificamente ao gando bovino. A transmisión do virus prodúcese principalmente en presenza de insectos que actúan como vectores mecánicos, esencialmente mosquitos, moscas e carrachas. A transmisión por contacto directo entre animal infectado e animal san a través de crostas e lesións cutáneas, saliva, leite, etc. é posible, pero é a vía menos eficaz.
Cómpre destacar que esta doenza non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.
En xuño de 2025, a DNC foi notificada na illa de Cerdeña e, pouco despois, na rexión continental da Lombardía (Italia). Posteriormente, foi detectada na rexión de Savoia e Alta Savoia (Francia). Tendo en conta a proximidade xeográfica e as relacións comerciais con estes países, considérase que o nivel de risco de aparición desta doenza en España é moi alto, tal e como xa informou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
É unha doenza da lista A de enfermidades de declaración obrigatoria na Unión Europea, polo tanto hai que tomar medidas inmediatas de erradicación no caso de detectarse. Isto implica, entre outras actuacións, o sacrificio dos animais afectados e o baleiro sanitario da explotación.
A DNC ten un importante impacto económico para as zonas afectadas, xa que é debilitante e isto tradúcese nun elevado descenso da produción, particularmente en vacas de leite.

















![Manuel Raposo e [ADULTO] destacan como mellores manexadores no XI Concurso de Outono de Azores](/media/_versions_/noticia/manexadores_azoresnov25_600.jpg)






