Juan Pascual Beitia chegou a Lugo para participar na Xornada Africor Lugo-Vaca Pinta cunha mensaxe clara: o debate sobre a gandería xa non se está librando só nas granxas, nos mercados ou nos despachos do sector, senón tamén no terreo cultural, político e social. Veterinario, directivo de Elanco e coautor do libro La guerra por la proteína animal. La carne es salud (Editorial Almuzara, 2026), xunto co enxeñeiro agrónomo e exministro de Traballo e Asuntos Sociais Manuel Pimentel, Pascual formula que o sector se move nunha contradición cada vez máis visible. Non é para menos: mentres o consumo mundial de proteína animal continúa crecendo, en Europa multiplícanse as restricións normativas, a presión reputacional e as trabas á produción.
Ese é o núcleo da súa tese. Existe, por unha banda, unha crecente demanda de leite, carne, ovos e outros produtos gandeiros. Pero, ao mesmo tempo, unha parte da sociedade ve a produción animal con prevención, e esa mirada acaba trasladándose á política e á regulación. O resultado, segundo expón, é unha oferta cada vez máis tensionada e unha capacidade produtiva que perde marxe de manobra precisamente cando máis se precisaría estabilidade.
Pascual resume esa situación cunha afirmación contundente: “Hai unha guerra pola proteína animal e tamén contra a proteína animal. Hai unha parte importante da sociedade que mira a produción gandeira e os seus produtos con sospeita. Iso cala na clase política, que lexisla constrinxindo, oprimindo a produción de maneira importante”.
Ao seu xuízo, esa combinación entre presión social, regulación máis restritiva e crecente demanda explica boa parte do que está ocorrendo hoxe nos mercados agroalimentarios. Non se trata só dunha discusión ideolóxica, senón dun problema con consecuencias prácticas sobre os prezos, a viabilidade das ganderías e a seguridade alimentaria.
En termos económicos, a lóxica é sinxela: se a demanda sobe e a oferta non pode responder, os prezos acaban aumentando.
Prezos á alza nun mercado que xa non pode responder
Na súa análise, o relevante non é só que os alimentos suban, senón por que o fan. Durante anos, cando unha produción gandeira se encarecía, o propio sector reaccionaba ampliando instalacións ou aumentando censos, o que acababa moderando os prezos. “Esa dinámica xa non funciona igual porque a capacidade de resposta das granxas está moito máis limitada”, explica.
Pascual sostén que ampliar hoxe unha granxa é un proceso longo, incerto e, en moitos casos, inviable. Os permisos tardan, as alegacións acumúlanse e as esixencias administrativas endurécense. A iso súmanse outros factores, como os problemas sanitarios nalgunhas especies. O sector do ovo, por exemplo, acusa nos últimos tempos o impacto da gripe aviaria, que reduciu oferta nun momento no que o consumo seguía crecendo entre os mozos e entre perfís moi atentos á inxestión de proteína, como os deportistas.
A súa advertencia vai máis alá da rendibilidade puntual do produtor. Cre que o encarecemento sostido da proteína animal pode volver dar máis peso á alimentación dentro do gasto dos fogares. Durante décadas, a eficiencia do sector permitiu que a cesta da compra ocupase unha parte menor da renda familiar. Se iso cambia, o efecto notarase non só nas granxas, senón no conxunto da economía doméstica.
Á hora de explicar de onde vén esa presión, Pascual apunta a decisións concretas. Cita, por exemplo, o imposto aprobado en Dinamarca ás vacas polas emisións de gases de efecto invernadoiro. En España menciona o Real Decreto de Menús Escolares, que limita a presenza de determinados produtos cárnicos e acouta a frecuencia de consumo de carne vermella. Para el, estas medidas non son feitos illados, senón síntomas dunha corrente política e cultural que ve a proteína animal máis como un problema que como unha parte esencial do sistema alimentario.
Ese marco conecta directamente con outra preocupación de fondo: a soberanía alimentaria. Se Europa decide producir menos, ou pon tantas barreiras que na práctica limita a súa propia capacidade produtiva, a alternativa será importar máis alimentos. E esa dependencia, advirte, pode ser moi problemática en momentos de crise.
Un libro como escudo de valor para o sector
Juan Pascual non concibe La guerra por la proteína animal coma un tratado académico nin coma un libro técnico dirixido exclusivamente a especialistas. A idea, puntualiza, era construír un texto divulgativo, cun ton xornalístico e accesible, capaz de trasladar ao público xeral debates que, con frecuencia, quedan pechados dentro do propio sector. Aínda que o volume parte do rigor e de datos documentables, o obxectivo non era tanto producir un compendio teórico como ordenar argumentos e achegar contexto a unha discusión que, na súa opinión, está cada vez máis presente na esfera pública.
A colaboración con Manuel Pimentel xurdiu de conversas previas en foros comúns e, segundo lembra, foi un traballo natural pola proximidade de ambos á realidade gandeira. A intención non era só ordenar ideas, senón ofrecer ferramentas para comunicar mellor.
Nese sentido, Pascual considera que o sector agropecuario ten aínda un reto pendente: explicar con claridade como funciona e por que moitas das críticas que recibe simplifican en exceso unha realidade moito máis complexa. O seu novo libro busca contribuír precisamente a ese exercicio de divulgación.
Producir alimentos tamén é unha cuestión estratéxica
Pascual non fala de soberanía alimentaria nun sentido autárquico, senón como capacidade de manter unha base produtiva propia suficientemente sólida. Europa ten poder adquisitivo e pode comprar fóra, recoñece, pero depender demasiado do exterior deixa ao continente exposto a shocks loxísticos, xeopolíticos ou sanitarios. As guerras, as pandemias ou as crises de subministración demostraron nos últimos anos que as cadeas globais non son infalibles.
Desde esa perspectiva, producir alimentos non é só unha actividade económica: é unha cuestión estratéxica. E, no caso español, cre que existe un valor adicional que debería defenderse máis. Considera que o país produce ben, con altos niveis de calidade, e que o sector lácteo forma parte desa fortaleza. O problema é que esa capacidade non abonda por si soa se non existe un marco estable para sostela no tempo.
Aí enlaza cunha das preocupacións que máis se repite nas súas intervencións: a falta de previsibilidade para quen está á fronte dunha granxa ou pensa incorporarse ao sector. A actividade, explica, require investimentos elevados, períodos longos de amortización e unha planificación a varios anos vista. Se as esixencias normativas cambian de forma continua, o negocio vólvese moito máis incerto.
A crítica sobre este punto é directo: “Hoxe pídenme X espazo por vaca, mañá quizais me pidan o dobre; teño que endebedarme; gañarei a vida dependendo de como vaian os prezos... Así, é moi difícil realmente planificar a longo prazo”.
Ese clima de inseguridade repercute de cheo sobre a remuda xeracional. Pascual describe un sector envellecido, con dificultades para incorporar mozos e cunha imaxe pública que, nalgúns ámbitos, non axuda. Á incerteza económica engádese unha presión reputacional que considera moi daniña. Aínda que fala dunha minoría social, cre que fai moito ruído e que proxecta unha imaxe do gandeiro como contaminador ou como alguén alleo ao benestar animal.
Para asegurar a remuda xeracional precísase de estabilidade e do respecto da sociedade
Segundo a súa visión, a falta de remuda non pode explicarse unicamente polo esforzo que esixe o traballo ou pola necesidade de investir moito capital. Tamén pesa a percepción social. Se un mozo valora incorporarse á actividade e ve que o marco regulatorio é inestable, que o financiamento é esixente e que, ademais, a profesión está cuestionada nunha parte do debate público, a decisión complícase aínda máis.
Pascual cre que esa deslexitimación social se apoia con frecuencia nun gran descoñecemento de como funciona realmente a produción gandeira. A distancia entre mundo urbano e mundo rural agrandou os malentendidos. Na súa opinión, moitos consumidores seguen asociando a granxa a unha imaxe distorsionada, con dúbidas sobre o manexo dos animais, sobre a súa alimentación ou sobre a calidade do que chega ao mercado.
Fronte a iso, defende que os controis hoxe son extraordinariamente rigorosos e que nunca se comeu con tantas garantías. Por iso insiste na necesidade de divulgar. “O sector non pode limitarse a lamentar que non o entenden; ten que saír a explicar que fai, como o fai e por que determinadas simplificacións non se sosteñen cando se mira a realidade completa”. Ese é, de feito, un dos obxectivos que atribúe ao libro escrito xunto a Manuel Pimentel.
Contradicións do debate consecuencia da simplificación
Nese enfoque divulgativo entra tamén o uso de exemplos moi visibles para mostrar contradicións do debate público. Pascual menciona o caso de Virgin Airlines, que retirou a tenreira do menú en nome da sustentabilidade e, ao mesmo tempo, realizou un voo transoceánico con combustible verde baseado en gran parte en graxa vacúa. Este caso revela ata que punto a miúdo se separan artificialmente pezas dun mesmo sistema produtivo sen entender as súas conexións.
Non é a única simplificación que critica. En materia de emisións, sostén que se comparan sectores con metodoloxías distintas e que esa falta de matiz distorsiona o debate. A miúdo, afírmase que o transporte emite tanto como a gandería, pero cómpre lembrar que no caso do transporte se teñen en conta unicamente as emisións directas, mentres que no sector gandeiro se inclúen tanto directas como indirectas. Ademais, engade, “non se pode meter no mesmo saco todos os sistemas de produción do mundo”.
O seu argumento é que a produtividade importa. Non emite igual o gando que produce pouco e necesita moitos máis recursos por unidade de produto que un sistema máis eficiente.
Pascual apunta que un animal san non só está mellor desde o punto de vista do benestar, senón que tamén reduce o impacto ambiental por litro ou por quilo producido. Pola contra, un animal enfermo transforma peor os recursos, produce menos e pode acabar perdéndose, con todo o que iso implica en termos de ineficiencia. Por iso defende que a mellora sanitaria é unha das grandes pancas de sustentabilidade real.
Ese razoamento prolóngase cara á tecnoloxía. Monitorización, prevención, xenética, mellor manexo e redución de mortalidade forman parte, na súa opinión, do mesmo movemento: producir mellor e con menos desperdicio de recursos. Non defende que todos os sistemas deban ir ao máximo de intensificación, porque recoñece o papel propio das producións extensivas e a súa función territorial, pero si sostén que producir máis por animal, dentro dun marco de benestar, mellora o balance económico e ambiental.
O gando como reciclador de recursos e protector do medio
Outro punto no que pon moita énfase é o papel do gando como reciclador de recursos. “Diría que o consumidor medio non entende ben ata que punto os animais, especialmente os ruminantes, transforman materiais non aproveitables polas persoas en alimentos de gran valor nutricional”, subliña. A súa explicación apóiase en exemplos moi gráficos. Dunha planta de trigo, lembra, a parte que comen directamente as persoas é minoritaria. O mesmo ocorre con numerosos subprodutos de industrias agroalimentarias, como a cervexeira, que atopan saída precisamente na alimentación animal.
No caso da vaca, a inmensa maioría do que consome, ata o 95 %, non forma parte da dieta humana. Forraxes, ensilados, polpas e outros coprodutos convértense, grazas ao rume, en leite e carne. Ese mecanismo parécelle unha das grandes fortalezas ecolóxicas e nutricionais da gandería, e considera que adoita desaparecer do relato dominante, que presenta o animal como un competidor directo dos humanos polos mesmos recursos.
A esa función recicladora suma outra que cre infravalorada: o papel do pastoreo na prevención de incendios. O gando, explica, consome biomasa que doutro xeito se secaría e actuaría como combustible. En zonas con monte e matogueira, ese labor ten unha importancia evidente. Pero, de novo, insiste en mirar o sistema completo. Eses animais cumpren unha función ambiental, si, pero tamén forman parte dunha cadea alimentaria. “Non se pode querer gando no territorio e, ao mesmo tempo, negarlle lexitimidade ao consumo dos seus produtos”, sostén.
Tarefas por facer: máis educación nutricional e toma de decisións con base na ciencia
O capítulo nutricional ocupa tamén un espazo importante no seu discurso. Aludindo directamente ao sector que nos ocupa, Pascual defende sen matices o papel do leite e dos lácteos dentro dunha dieta equilibrada. Considéraos “unha fonte accesible de proteína, con nutrientes esenciais e cunha biodispoñibilidade que non ten equivalente nos produtos que se presentan como alternativas vexetais”. Insiste en que unha dieta saudable debe ser variada e que, se se eliminan por completo os alimentos de orixe animal, é necesario suplementar determinados nutrientes.
Non expón este asunto en clave de guerra cultural entre dietas, senón coma un problema de realismo fisiolóxico. Hai compoñentes, lembra, que nos vexetais non están presentes da mesma forma ou non se absorben do mesmo xeito. Por iso cre que o consumidor necesita máis información e menos ideoloxía cando se fala de nutrición. Estende esa crítica a sistemas simplificados de etiquetaxe como Nutri-Score, que tenden a clasificar alimentos sen contexto e sen ter en conta que as necesidades nutricionais dependen da idade, a actividade, o estado fisiolóxico ou as carencias concretas de cada persoa.
A mesma crítica dirixe a certas mensaxes educativas. Preocúpalle que en manuais escolares e materiais divulgativos se proxecte unha imaxe moi negativa da gandería, centrada en tópicos sobre hormonas, antibióticos ou impacto ambiental, sen explicar, ademais, a súa contribución nutricional, económica e territorial. Na súa opinión, esa visión parcial alimenta a desconfianza e consolida unha relación cada vez máis superficial co que se come.
Á hora de mirar ao futuro, volve colocar o foco en Europa. Cre que o gran debate pendente non é se debe haber benestar animal ou control ambiental —iso dáse por feito—, senón ata onde deben chegar as esixencias e con que base técnica se toman as decisións. Tamén cuestiona a incoherencia de prohibir determinadas prácticas dentro da UE e aceptar importacións de países onde eses mesmos estándares non se esixen.
A súa posición final pode resumirse nunha petición de pausa e revisión. Entende que o sector fixo un esforzo enorme de adaptación e que segue producindo alimentos de gran calidade malia un contexto cada vez máis complexo. Non nega que existan críticas lexítimas nin que a sociedade teña dereito a esixir transparencia. De feito, cre que unha parte desa crítica pode ser útil se “nos axuda a estar alerta, a sentir esa sensibilidade dunha parte da sociedade”, pero pide distinguir entre ese interese honesto e a ideoloxización do debate.
Pecha, en todo caso, cunha valoración positiva do traballo do sector e cunha chamada a explicarnos mellor. “A sociedade aprecia o gandeiro e o campo, aínda que a miúdo o coñeza mal”, asegura. Aí sitúa a tarefa principal: corrixir conceptos equivocados, achegar datos e lembrar que producir alimentos con benestar, con sanidade e con viabilidade económica non é unha extravagancia sectorial, senón unha necesidade básica. Déixao exposto nunha idea transversal ao seu discurso e moi presente no seu novo libro: “Temos que fuxir do escurantismo, isto é, lexislar e tomar decisións sempre baseadas na ciencia”.