A Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, publicou o Informe de Declaraciones de Entregas de Leche Cruda a los Primeros Compradores correspondente a maio. No documento reflíctese un prezo medio do leite en España de 0,477 €/litro no quinto mes do ano.
Trátase da segunda memoria que rexistra as rebaixas implementadas polas industrias lácteas na renovación dos contratos que comezaron en Galicia e entraron en vigor o 1 de abril.
No que respecta ao volume de produción mensual, o informe amosa un lixeiro descenso con respecto ao mesmo período do ano anterior. Mentres en maio de 2025 se declararon 661.957 toneladas de leite, en maio de 2026 a cifra situouse en 659.969 toneladas. No que vai de 2026, é o primeiro mes no que se dá unha baixada da produción con respecto ao mesmo período do ano anterior.
Pola súa banda, as comunidades autónomas que rexistraron o prezo máis alto en abril foron Canarias (0,641 €/litro), País Vasco (0,555 €/litro) e Comunidade Valenciana (0,540 €/litro). Pola contra, os valores máis baixos corresponden a Illas Baleares (0,468 €/litro), Estremadura (0,463 €/litro) e Galicia (0,455 €/litro).