Prezo de récord para o leite spot en Europa: 64,5 cts./kg

Os prezos dos produtos lácteos na Unión Europea están en niveis de récord. Aínda que os prezos do leite desnatado en po e do leite enteiro en po se manteñen relativamente estables, outros, como o queixo e a manteiga, continúan aumentando. Isto fixo que o prezo do leite spot na UE alcanzase os 64,5 céntimos/kg, un máximo histórico que segue a tendencia alcista do pasado mes de xullo, no que se conseguía superar a barreira dos 60 céntimos. 

A pesar do aumento de prezos, as entregas de leite na UE caeron un 0,4 %, por primeira vez desde 2009. O aumento dos custos retardou o crecemento da produción de leite (1,2 %) e conduciu a unha redución dos animais produtores máis forte do esperado (-1,5 %).

Desde a Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea apuntan quea produción de queixo e nata na UE podería seguir crecendo e que se podería reducir a dispoñibilidade de graxa láctea para a produción de manteiga e leite enteiro en po. Espérase un aumento nas exportacións de queixo, mentres que o uso interno de produtos lácteos podería crecer levemente en 2022 (+0,3 %), supondo unha recuperación sostida das vendas minoristas e do servizo de alimentos, así como unha transmisión limitada de prezos máis altos do produtor ao longo da cadea aos consumidores.