A Organización de Produtores de Leite advirte de novas "prácticas reclamo" de Carrefour

A Organización de Produtores de Leite advirte de novas "prácticas reclamo" de Carrefour

A Organización de Produtores de Leite (OPL) manifestou nas últimas horas o seu rexeitamento ao prezo do leite na cadea multinacional de distribución Carrefour. Compartiu unha foto na que mostra o valor do leite semidesnatado a 0,85 €/l.

“Sigue, de novo, coas súas prácticas de reclamo, tirando por terra o traballo dos gandeiros. Trátase de ofertas que xa sabemos que rematan arrastrando o prezo para competir en vendas entre a distribución”, destacan desde a entidade.

Desde a organización, indican que en anteriores ocasións denunciaron estas accións ante a Axencia de Información e Controis Alimentarios (AICA) e a cadea foi multada nalgunha comunidade autónoma, pero “con sancións ridículas ante as que non lles importa seguir usando estes métodos”.

“Agora mesmo as industrias están ameazando con baixadas inxustificadas do prezo do leite nos vindeiros contratos, cando sabemos que nos mercados europeos segue á alza pola súa escaseza. Os custos de produción continúan sendo elevados e cada vez quedan menos gandeiros. A remuda xeracional escasea polas dificultades do sector e o pouco apoio para dar valor a este traballo”, subliñan.

Na OPL advirten que, “se regresan estas prácticas de devalorización da actividade dos gandeiros, teremos que volver ás portas dos supermercados para pedirlles que non se volva menosprezar o suor do noso esforzo”, conclúen.