O Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) presenta o seu último informe mensual, correspondente aos datos do mes de febreiro.
De acordo co seu novo informe, en febreiro a produción da cornixa cantábrica representou o 67,03 % do total nacional (0,22 puntos máis en comparación con febreiro do ano pasado), o que rompe, canto menos de maneira puntual, a tendencia ao desprazamento da produción láctea cara á España seca.
O prezo do leite ao produtor mantense nos 31,94 € por cada 100 quilos de leite co seu contido real en graxa e proteína e aumenta nun 4,11 % sobre o prezo no mesmo período o ano pasado.
O intervalo de prezos por comunidades autónomas vai dende os 31,08 €/100 kg ECM de Galicia aos 35,16 €/100 kg en Valencia. O baixo prezo en Galicia, así como o seu gran preso na produción, determina en boa medida o diferencial de prezo de España respecto da Unión Europea. No referente aos diferenciais de prezos das distintas comunidades respecto da media española, obsérvase que o intervalo ten unha amplitude de 13,4 puntos porcentuais en prezos non estandarizados (-7,0 % Baleares; + 6,4 % Asturias) e de 12,4 puntos en prezos estandarizados (-5,7 % Galicia; 6,7 % Valencia).
Botando unha ollada aos datos históricos, vese que no mes de febreiro o consumo sitúase 4,5 puntos por encima da media anual e a produción, en 2,4, o que determina que os prezos se sitúen 1,6 puntos por encima da súa media anual.