INFORME FEGA DECEMBRO 2021

Galicia e Baleares, as comunidades peor pagadas en decembro

Informe de Declaracións de Entregas de Leite Cru aos Primeiros Compradores que publica mensualmente a Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, publicou o estudo correspondente a decembro de 2021, no que se plasma un prezo medio do conxunto estatal de 0,364 €/litro, dato que continúa coa lenta tendencia cara á mellora e supón un incremento de dúas milésimas con respecto a novembro (0,362 €/litro).

Volve destacar en negativo Galicia, que mantén o seu posto como unha das comunidades coas retribucións máis baixas do país no último informe de 2021 (0,356 €/litro), xunto con Baleares, a peor pagada en decembro (0,349 €/litro); Cantabria (0,361 €/litro) e Navarra (0,361 €/litro). Sobresaen como os territorios con mellores prezos ao produtor Canarias (0,455 €/litro), País Vasco (0,382 €/litro), Asturias (0,380 €/litro) e Madrid (0,378 €/litro).

A comparativa anual do país reflicte un incremento notable con respecto ao período anterior: durante 2020 a produción alcanzou os 7.405.215.495 kg, mentres que en 2021 se superou este dato e se chegou aos 7.477.221.030 kg.