FrieslandCampina sitúa o prezo do leite para decembro en 43,50 €/100 kg

FrieslandCampina sitúa o prezo do leite para decembro en 43,50 €/100 kg

A industria leiteira FrieslandCampina, de Holanda, anunciou o prezo garantido do leite aos seus produtores en decembro, que continúa en descenso. A baixada é de 2,50 € por cada 100 quilogramos de leite respecto de novembro. O valor fíxase en 43,50 €/100 kg.

O prezo integral do leite para o último mes do ano queda en 46,71 €/100 kg. Este importe baséase no prezo garantido, complementado pola prima máxima Foqus Planet (polos esforzos en sustentabilidade) e por un bono por cantidade, despois das deducións por cargos e custos.

Ademais, os membros de FrieslandCampina poden recibir un pago adicional en función dos resultados e da política de beneficios retidos adoptada.

O valor garantido aplícase aos 100 kg de leite con contidos estándar de 3,58 % de proteína, 4,45 % de graxa e 4,53 % de lactosa, sen incluír o IVE. As cantidades refírense a un subministro medio de 925.000 quilos de leite anuais. A cotización da proteína para decembro é de 664,46 euros e a da graxa de 442,97 euros por 100 quilogramos.