A Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, publicou o Informe de Declaracións de Entregas de Leite Cru aos Primeiros Compradores correspondente a decembro de 2025. No documento, o importe medio declarado a nivel nacional sitúase en 0,542 €/litro, sen cambios con respecto ao mes anterior.
En termos interanuais, o valor de decembro queda moi por enriba do rexistrado un ano antes: 0,494 €/litro en decembro de 2024, o que supón unha diferenza de 4,8 céntimos.
No que respecta ao volume mensual, as entregas declaradas soben fronte ao mesmo mes do ano anterior: 623.742 toneladas en decembro de 2025, fronte a 612.749 toneladas en decembro de 2024 (+1,8%). O informe tamén recolle, para decembro, 296 compradores con entregas declaradas e 8.749 gandeiros con entregas, ademais dunha media de 4,01% de materia graxa e 3,48% de proteína.
Por comunidades autónomas, Canarias volve encabezar os importes medios en decembro (0,638 €/litro), seguida polo País Vasco (0,582 €/litro) e a Comunidade Valenciana (0,570 €/litro). No extremo oposto, Baleares rexistra o valor máis baixo (0,472 €/litro), seguida de Galicia (0,529 €/litro) e Extremadura (0,530 €/litro).