Un paso máis para que as denominacións cárnicas queden protexidas por lei

Un paso máis para que as denominacións cárnicas queden protexidas por lei

O Parlamento Europeo aprobou unha emenda que reforza a protección das denominacións da carne e dos seus derivados, prohibindo o seu uso en produtos que non a conteñan; tal e como adianta a Asociación Nacional de Industrias da Carne de España (Anice).

A decisión enmárcase na reforma da Política Agraria Común (PAC), que contempla diversas modificacións do Regulamento 1308/2013 sobre a Organización Común de Mercados dos produtos agrarios.

Anice valora de maneira moi positiva este novo avance. “Trátase dun paso clave cara a un etiquetado alimentario máis claro e transparente en Europa, que garanta aos consumidores información veraz e protexa a autenticidade das denominacións cárnicas”, subliñou Giuseppe Aloisio, o seu director xeral.

Esta medida responde a unha reivindicación histórica do sector, que alertaba da crecente presenza no mercado de produtos vexetais que imitan en aspecto, sabor, textura e mesmo denominación os alimentos de orixe animal.