Os irmáns Capón, veterinarios de formación e gandeiros desde sempre, protagonizan esta nova entrega de #YoSoyCampo de Virbac. Águeda decidiu hai seis anos tomar as rendas da granxa familiar, Capón Holstein SC, xunto co seu marido, Miguel. Pola súa banda, Roi leva traballando na cooperativa Aira tamén desde hai seis anos. Ambos comparten o seu amor polas vacas. Máis en Vaca Pinta 50.
Os comezos de Capón Holstein SC remóntanse aos avós de Águeda e Roi. “Esta gandería era dos meus avós, que tiñan vacas de carne. Cando meu pai cumpriu 16 anos continuou coa explotación, pero cambiou ás de leite. Hai seis anos a miña parella e mais eu fixémonos cargo da granxa, xa que é a nosa vocación e a nosa vida”, narra Águeda.
Desde pequenos, comezaron a formarse e a competir en concursos de manexo e pelado tanto a nivel nacional coma internacional, onde lograron títulos de gran relevancia. Águeda relata que “tiven a oportunidade de participar no certame europeo de Bruxelas dúas veces. Nunha ocasión conseguimos o premio de mellor grupo de Europa e Canadá e eu fun a mellor nova preparadora de Europa”.
Tanto Roi como Águeda estudaron Veterinaria. Águeda exerceu a profesión durante un tempo ata que, finalmente, se puxo á fronte do negocio familiar: “Eu sempre tiven claro que quería estudar Veterinaria, pero coa meta final de ter a miña propia granxa. A verdade é que me sinto unha afortunada porque me dedico ao que toda a miña vida soñei. Gústame todo: estar cos animais, dispor do tempo da maneira en que eu quero…”.
No caso de Roi, tamén tiña clara a súa vocación: “Nesa época falábao moito coa miña nai e dicíalle: ‘Se non son veterinario de vacas, que vou facer?’ Non consideraba outra alternativa”. Durante os últimos anos de universidade xa comezou a facer prácticas en Aira. Posteriormente, estivo dous anos traballando en Asturias e hai seis que volveu á súa localidade natal por circunstancias persoais, momento no que iniciou a súa traxectoria en Aira, onde continúa a día de hoxe.
Roi admite que o que máis desfruta do seu día a día, ademais de estar coas vacas, é o trato coa xente: “Axúdoos a vivir un pouco mellor, xa non só a nivel económico, senón que intento que teñan máis descanso e o seu rabaño estea mellor. Así mesmo, creo que se descoñece o feito de que as condicións de traballo no campo actualmente son moi boas. Tivemos a moita xente de prácticas que se sorprendía de maneira positiva cos labores que facemos”, conta Roi.
Os irmáns coinciden en que o sector primario é indispensable. “A poboación mundial está a medrar e haberá que abastecer de comida a moitísima xente”, asegura Roi Capón, que engade que deste xeito se axuda a fixar poboación no rural.
Con respecto á seguinte xeración da familia Capón, Águeda e Miguel xa teñen dous fillos pequenos a quen lles darán a coñecer o amor pleno que senten na súa familia polo mundo gandeiro e polas vacas: “Gustaríanos que comprendesen a importancia que ten este sector e que valoren o que fai falta traballar para ter no supermercado un cartón de leite”, conclúe Águeda.