Naturleite garante a produción cun incremento dun 53 % nesta última semana

  • A empresa pon en valor o traballo do sector primario, en especial dos gandeiros, durante esta crise sanitaria

A factoría central de Naturleite, na localidade lucense de Meira, adopta medidas extraordinarias para continuar producindo a pleno rendemento e dar cobertura á demanda do mercado.

Desde a industria láctea recoñecen ter aumentado o seu nivel de produción nun 53 % nesta última semana e os traballadores están facendo un esforzo maior ao traballar máis horas das habituais; mesmo hoxe, sábado, día no que normalmente non hai proceso de envasado, si que se levará a cabo para sacar adiante máis cantidade de produtos lácteos.

Neste senso, Antonio Larrea, director xeral de Naturleite, subliñou esta mañá “o esforzo que está facendo toda a cadea, en especial, os nosos gandeiros. Seguen traballando día a día para entregar o seu leite, pois as ganderías teñen que continuar con normalidade, os seus animais teñen que seguir comendo e sendo muxidos e a nosa produción non pode parar”.

Engadiu ademais que “na nosa fábrica estamos facendo todo o posible para incrementar a produción e contestar rapidamente á demanda dos consumidores e, por suposto, os transportistas tamén seguen traballando a reo para levar os produtos ata os lineais de Mercadona. A cadea soubo responder a esta crise, poñemos en valor o seu labor e o esforzo de todos os seus empregados, son parte estratéxica e teñen gran responsabilidade en abastecer todos os días os cidadáns”.

En Naturleite xa foron adoptadas medidas extra de seguridade desde hai unhas semanas e Larrea transmite neste momento “tranquilidade aos consumidores. Pois todo o sector lácteo, todas as persoas ligadas a este proxecto, estamos implicadas para poñer en circulación máis leite do habitual, aportando o mellor de nós mesmos”.