Obxectivos cumpridos con dous robots en tan só tres meses

Francisco Castro dirixe actualmente a gandería familiar proveniente dos seus pais e dos seus avós e acaba de dar o salto ao muxido robotizado da man de GEA a comezos deste ano. Máis en Vaca Pinta 52.

A súa meta principal era chegar aos tres muxidos para poder así conseguir máis produción por vaca e día e xa o logrou en tan só tres meses. Suma unha media de 3,3 muxidos e as súas vacas están a alcanzar os 41 litros por día.

Ademais de todo iso, nota os seus animais moito máis tranquilos e recoñece que o traballo diario faise moito máis livián, sen horarios estritos nin esixencias de moito persoal.

En canto ao deseño das súas novas instalacións deixouse asesorar polos técnicos de GEA e do distribuidor na zona, Agrícola Acevedo, quen, tras estudar o seu caso concreto e visitar varias explotacións similares, se decantaron por un sistema de dous robots en cabeceira cun único foso e en tráfico libre.

ALAMBRERO SC

Localización: Ribadeo (Lugo)

Número total de animais: 129

Vacas en muxido: 109

Número de robots: 2

Media de muxidos: 3,3

Media de produción: 41 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,90 %

Porcentaxe de proteína: 3,45 %

RCS: 200.000-250.000 céls./ml


“Levamos só tres meses e xa conseguimos unha media de 3,3 muxidos”

Cales foron os principais motivos para dar o salto ao muxido robotizado?

Os animais tiñan potencial de produción e con dous muxidos non podiamos conseguir máis. Tentar lograr máis litros por vaca e un mellor benestar para os animais foron os principais motivos.

O terceiro muxido parecía esencial, pero a dificultade para atopar man de obra tamén nos pesaba.

Tíñamos unha sala 2x5, na que muxiamos dúas veces ao día. As vacas necesitaban un terceiro muxido, pero para iso tiñamos que irnos aos robots.

Cando comezaron a muxir co robot GEA?

Arrancamos os robots a mediados de xaneiro. Hai agora tres meses nada máis.

De que maneira deseñaron o proxecto?

O deseño foi algo que traballaron os técnicos de GEA. Eu non pensaba nesta distribución. Leváronme ver outra explotación que tiña algo similar, gustoume moito e xa non pensei máis.

Os dous robots moxen un único lote e non temos portas selectoras nin nada. É tráfico libre e un dos robots si que ten acceso a unha zona para os retrasos. Calquera animal pode entrar nos dous robots.

Como foi a adaptación?

A pesar de que os primeiros quince días son máis complicados, a adaptación foi moi rápida. Os animais acostúmanse incluso máis rápido ca nós.

Levamos só tres meses e xa conseguimos unha media de 3,3 muxidos.

Cantas vacas moxen e cal é a súa media de produción?

Agora mesmo estanse a muxir unhas 109 vacas e temos unha media de 41 litros por vaca e día.

Na sala estabamos a ter unha media de 37 litros e non podiamos subila máis porque era necesario o terceiro muxido.

Estamos empezando co robot e xa aumentamos uns 3 ou 4 litros por vaca.


“Agora mesmo estanse a muxir unhas 109 vacas e temos unha media de 41 litros por vaca e día, 3 ou 4 litros máis por animal que coa sala”

Por que elixiron os robots GEA?

Polo seu deseño, polo foso, que para min é algo moi importante, e pola separación por cuartos.

Ademais, tamén me gustou a opción da colocación manual, para aquelas vacas que teñan dificultades nun principio.

Que beneficios están a lograr?

O primeiro de todo é que as vacas están moitísimo máis tranquilas, pero moitísimo máis. Logo, o noso traballo é diferente e moito máis doado. Tes que estar e vir controlalos todos os días, pero nunha hora acabas.

Antes, muxir levábanos dúas horas e media pola mañá e outras dúas horas e media pola tarde, e mais o tempo de lavar a sala e demais. Eramos necesarias dúas ou tres persoas para facelo nese tempo. Agora, ademais de ser moito máis rápido, non tes un horario tan estrito, podes vir ás 7, ás 8 ou ás 9, que non hai problema. Unha persoa soa pode xestionar todo o rabaño.

Tedes algún equipamento máis de GEA?

Instalamos os colares con medición de ruminación, inxestión e detección de celos. Logro ter as vacas moito máis controladas e é moito máis doado. Anticípome moito a un problema, porque, se baixa a ruminación, hai que mirar que pasa.

Confiamos tamén en GEA para incorporar o arrimador de comida, que chegará nas vindeiras semanas.

Carlos Salgado, delegado de Vendas de GEA en Galicia
“Adaptámonos ás necesidades do cliente, que se decantou por un sistema en tráfico libre con dous robots”

Nesta granxa, coma en todas, adaptámonos ás necesidades do gandeiro. Despois de visitar varias explotacións con diferentes deseños, o cliente, xunto co noso asesoramento e o do noso distribuidor na zona, Agrícola Acevedo, decantouse por este sistema en tráfico libre, onde os dous robots se situaron na fila dobre de cubículos, compartindo foso para facilitar o traballo do día a día e minimizar un pouco a obra na nave existente. Os dous robots atenden a cada un dos patios e as vacas saen todas cara á cornadiza.