Entra en vigor o Plan 2022 de seguros pecuarios de Agroseguro

Entra en vigor o Plan 2022 de seguros pecuarios de Agroseguro

Agroseguro celebrou o pasado martes, 31 de maio, unha xornada de divulgación en Santiago de Compostela sobre o Plan 2022 de seguros pecuarios, na que participaron representantes das entidades coaseguradoras e das súas redes comerciais en Galicia, así como de Asturias e Castela e León. 

O plan, que entra hoxe -1 de xuño- en vigor, inclúe 12 liñas gandeiras e 3 acuícolas co obxectivo de mellorar nas liñas de seguro de vacún de cebo, vacún de reprodución e produción, así como en ovino e caprino. 

Ademais, incorpora importantes novidades para os gandeiros de vacún asegurados, como o aumento da indemnización por incremento de células somáticas no tanque ou o fácil acceso de máis gandeiros á garantía de crías, como explicou Alfonso Martín, técnico veterinario do departamento de Estudos de Agroseguro. 

No caso do vacún de cebo, o Plan 2022 recolle o esforzo realizado para adaptar a liña de seguro ao modelo que existe en España e ás diferentes formas de produción, co obxectivo de aumentar a súa implantación entre o sector, que actualmente se sitúa no 7 % no caso de Galicia.

Con respecto ao ovino e caprino, a principal novidade é o incremento de 11 puntos na subvención base que concede Enesa aos gandeiros asegurados. Ademais, ampliouse a garantía adicional de contaminación de leite por aflatoxinas cunha cobertura para a contaminación de leite por inhibidores de crecemento bacteriano –sen que se produzan cambios na tarifa– e reduciuse un 10 % a taxa da garantía de brucelose, entre outras novidades.

O Plan 2021 péchase con cifra récord

O Plan 2021 péchase con máis de 156.000 pólizas subscritas e 380 millóns de animais asegurados a nivel nacional, a cifra máis alta da historia do seguro agrario, tal e como lembrou Valle Cervantes, xefa do departamento de Produción de Agroseguro. 

En Galicia, os seguros pecuarios ofreceron cobertura a máis de 35,8 millóns de animais durante o Plan 2021, un 17,2 % máis que no plan anterior. É a comunidade autónoma con maior capital asegurado no total dos seguros pecuarios, con 809 millóns de euros.