Delagro celebra 20 anos de modelo cooperativo e mira ao futuro con novos retos

Delagro celebra 20 anos de modelo cooperativo e mira ao futuro con novos retos

A cooperativa de segundo grao Delagro, instalada na cornixa cantábrica, cumpre dúas décadas no sector agroalimentario. Nesta celebración destaca o éxito do seu modelo de integración e a súa aposta pola sustentabilidade, a innovación e a dixitalización.

Desde a súa creación en 2005, a entidade conseguiu integrar diversas cooperativas socias baixo un modelo común de xestión e servizos. Na actualidade, dezanove cooperativas forman parte de Delagro, que en 2024 alcanzou un volume de negocio de 281 millóns de euros.

O presidente de Delagro, Jesús López, subliña que este aniversario é a confirmación dunha visión que demostrou ser un éxito: "Grazas á integración de recursos e a unha xestión profesional, ofrecémoslle ás nosas cooperativas socias solucións innovadoras e competitivas, co firme compromiso de achegar valor ao medio rural".

"Estes 20 anos foron posibles grazas á confianza das nosas cooperativas, ao esforzo dun gran equipo humano e á nosa capacidade para adaptarnos a unha contorna cada vez máis esixente", pon de manifesto López, que estreou o seu cargo na pasada primavera.

De cara aos próximos anos, Delagro márcase como prioridades a dixitalización, a sustentabilidade e a busca de solucións innovadoras que axuden ás súas cooperativas socias a seren máis competitivas e resilientes.